Os veciños de Santo André de Xeve coñecen o primeiro proxecto de saneamento da parroquia

174
  • Será nunha asemblea que se celebrará esta tarde no Teleclub.
  • O Concello fará un investimento de case 5 millóns de euros para completar a rede de fecais nesta parroquia. O primeiro ten un orzamento de 2,3 millóns e dará servizo a 184 vivendas

O Concello de Pontevedra convoca esta tarde unha asemblea para presentar un novo proxecto de saneamento no rural. Nesta ocasión é no Teleclub de Santo André de Xeve, a partir das 20.30 horas na que estarán os concelleiros Raimundo González e Pilar Comesaña, responsables do Ciclo da Auga e da parroquia de Campañó, respectivamente, e técnicos da empresa Viaqua, responsable da execución da obra. 

Alí están convocados os veciños dos lugares de O Couso, Pilarteiros, A Torre, Filgueira e Sobral para coñecer os pormenores do proxecto que ten custe de 2.326.083,54 euros e obrigará a instalar 7.957 metros lineais de tubaxes e a crear 256 pozos de rexistro e dous estacións de bombeo. Está previsto que dea servizo a 184 vivendas.

Este é o primeiro proxecto de saneamento que se presenta na parroquia de Santo André de Xeve que atenderá á zona sur da parroquia, e que se completará con outro investimento, na zona norte, que terá un orzamento de 2.672.631,77 euros. Este segundo proxecto presentarase nas vindeirase semanas.

Polo tanto, o investimento total na canalización do saneamento da parroquia de Santo André de Xeve ascenderá a 4.998.715,31 euros.

COMPARTIR