Unha delegación arxentina liderada polo conselleiro do Plan Urbano de Bos Aires coñece polo miúdo o modelo Pontevedra

82
  • Fernando Verdaguer e tamén profesor da Universidade de Belgrano viaxou cunha trintena de alumnos/as da Facultade de Arquitectura e Urbanismo

Coñecer en vivo e polo miúdo o modelo urbano que fai da Boa Vila un referente internacional de cidade amable, de cidade para as persoas. Con este obxectivo achegouse a Pontevedra o conselleiro do Plan Urbano de Bos Aires e profesor da Universidade de Belgrano, Fernando Verdaguer ao fronte dunha delegación de 30 alumnos e alumnas da Facultade de Arquitectura e Urbanismo.

A delegación arxentina mantivo unha reunión de traballo sobre o modelo Pontevedra co director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle. Unha xuntanza na que falaron dos eixos que guiaron a transformación da cidade e cuestións puntuais como a fórmula seguida para discriminar os tráficos e a xestión dos aparcamentos.

Ademais da exposición teórica, a delegación fixo un percorrido pola cidade para comprobar a tradución da formulación teórica do modelo urbano no día a día.