A reforma de Cruz Vermella remata co asfaltado de Padre Gaite

49
  • Farase o mércores, aproveitando que é unha xornada festiva na cidade. 
  • A obra poderá prolongarse até o xoves, pero só na intersección con Fernando Olmedo.

A reforma da rúa Cruz Vermella e de todo o seu ámbito rematará nestes días co asfaltado da rúa Padre Gaite, unha vez que se ten completado a reforma das beirarrúas. A mellora do firme tamén se estenderá ás cabeceiras de Fernando Olmedo e Perfecto Feijoo.

A obra farase o vindeiro mércores, 6 de marzo, entre as 08.30 e as 20.00 horas aproveitando que é festivo en Pontevedra (mércores de cinza).

Segundo o dispositivo pogramado pola Policía Local, as tres rúas terán tráfico restrinxido de vehículos, polo que só se permitirá a entrada e saída a garaxes, que se fará baixo a supervisión dos operarios de obra.

O acceso e saída de garaxes farase polas seguintes rúas:

  • De Padre Gaite, pola avenida de Bos Aires.
  • De Fernando Olmedo, será por Casimiro Gómez. 
  • De Perfecto Feijoo, pola praza de Barcelos.

Cabe a posibilidade de que a obra se remate o xoves, 7 de marzo, no entronque coa rúa Fernando Olmedo, que poderá estar pechada ao tráfico entre 09.30 e as 13.30 horas, polo que se accederá aos garaxes e operacións de carga /descarga como o día anterior, desde Casimiro Gómez.

A reforma de Padre Gaite é unha das dúas melloras incluídas dentro do proxecto de remodelación de Cruz Vermella. A outra das melloras era a reordenación da praza da Castaña.

O Concello adxudicou á empresa Covsa a reforma de Cruz Vermella por 1.186.284 euros. As melloras realizadas en Padre Gaite tiveron un custe de 93.229,61 euros e a reurbanización da praza da Castaña de 61.229,64 euros.

COMPARTIR