Concello e Costas acordan autorizar o uso público de catro parcelas na trama urbana da cidade

404
  • Son os estacionamentos de bordo do Pavillón; unha parcela en Martín Códax; a dos circos de Mollavao; e o terreo no que se creará o parque da dignidade en Lourizán.
  • Mentres, continúa a tramitación do expediente de desafectación de todos os terreos urbanos de Costas na cidade, a maioría situados na zona da Xunqueira e do campus.

O Concello de Pontevedra mantivo en días pasados un encontro coa Dirección xeral de Costas en Pontevedra para impulsar a desafectación dos terreos de Costas que se atopan no ámbito urbano de Pontevedra, un expediente iniciado no ano 2017 e que pode levar anos de tramitación. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, presente no encontro, destacou o “traballo conxunto” que vai “ben encamiñado polo espírito de colaboración entre as dúas administracións”.

E mentres o expediente leva a súa tramitación, Concello e Costas chegaron a acordos para mellorar estes espazos públicos na trama urbana. O Concello comprometeuse a presentar distintos proxectos seguindo criterios de sostemento, e Costas comprometeuse a autorizar os usos públicos destes espazos. Os criterios poden ser a mellora das augas pluviais, a integración na trama urbana, traballos de sostemento…

Estes espazos son as parcelas de diante do Pavillón Municipal, a parcela dos circos en Mollavao, os terreos para a creación do Parque da Dignidade en Praceres e unha parcela na rúa Martín Códax.

Parcelas diante do Pavillón

A Xunta de Goberno Local xa ten aprobada -a petición de Costas- a documentación para separar a parcela de diante do Pavillón do resto do expediente “porque ten unha tramitación máis sinxela” xa que só están implicadas dúas administracións: Concello e Costas. No resto de terreos incluídos neste proceso están implicados o Concello, Costas, Universidade e Xunta de Galicia, polo que a tramitación da desafectación prevese moito máis longa.

Demetrio Gómez explicou que o principal problema que ten este estacionamento é a falta de evacuación das augas pluviais que provocan os empozamentos actuais, un problema ao que se lle quere dar solución.

Parque da dignidade

O Concello xa está a elaborar o anteproxecto para integrar o terreo que ocupaba o campo de fútbol de Praceres -que fai ás veces de estacionamento- e darlle un tratamento máis semellante a unha zona boscosa camiño da depuradora. A parcela está situada entre a autovía, a vía do tren e a parede da EDAR.

Demetrio Gómez explicou que “é importante tapar a depuradora pero manter a vista sobre o mar que é das últimas que quedan”. Farase un axardinamento, unha zona de paseo con espazos deportivos e zonas de sombra para o verán.

A autorización de Costas impedirá elevar construcións duras sobre o terreo.

Parcela dos circos en Mollavao

Na actualidade o Concello fai uso da metade da parcela situada fronte a avenida de Marín (a máis próxima á Casa do Mar), e solicitará o uso de todo o predio de titularidade público marítimo-terrestre, incluída unha pequena zona pasada a ponte da vía do ferrocarril.

Trabállase no proxecto co obxectivo de que os circos poidan instalarse na parcela situada detrás desta ponte, que actualmente non ten uso e atópase en moi malas condicións. O resto da parcela terá uso de estacionamento de bordo e de balde, aínda que non necesariamente toda a parcela tería esa función.

Demetrio Gómez destacou que é preciso facer unha integración coa beira da ría, de carácter brando e dando conta de que se trata dunha zona urbana.

Parcela de Martín Códax

É un terreo situado detrás das instalacións que Costas ten na rúa Domingo Fontán que tamén se empregará como estacionamento de bordo, polo que terá un tratamento similar aos outros. Aínda que pola súa situación, entrada ao ENIL da Xunqueira de Alba, pode estar concibido como un estacionamento de entrada a este espazo natural, para que as persoas estacionen o seu vehículo e poidan acceder andando.

COMPARTIR