Comeza a instalación do enlousado do Camiño de Santiago no Gorgullón

31

Mentres se traballa no remate do soterramento das novas canalizacións e na praza do final da rúa, iníciase o acondicionamento do terreo para colocar as primeiras lousas no cruzamento con Eduardo Pondal.

A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A reforma da rúa Gorgullón entra nesta semana nuna nova fase de traballos coa colocación da nova pavimentación. A empresa adxudicataria, E.C.Casas traballa nestes momentos rasanteando o terreo para colocar o primeiro enlousado no cruzamento coa rúa Eduardo Pondal.

Até o de agora as obras consistiron na substitución de todas as canalizacións soterradas, traballos que aíndan se suceden cara ao final da rúa, onde tamén se traballa na creación dunha nova praza e dunha nova entrada ao paseo do río Gafos.

Trátase dun proxecto que estará financiado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través da estratexia EDUSI aprobada no Concello de Pontevedra, como mellora do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, onde tamén se traballou na Virxe do Camiño e na Ponte do Burgo.

O proxecto da reforma do Gorgullón inclúe:

  • Plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina
  • Invértese o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte-; dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras.
  • O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
  • Renovarase o alumeado con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado.
  • Aproveitarase a obra para mellorar e incorporar novos servizos. Está previsto ampliar a rede de auga potábel, completar o separativo de augas pluviais e fecais e instalar unha rede eléctrica novas.

Entre os elementos singulares do proxecto están:

  • Crear unha pantalla vexetal con pereiras de flor -Pyrus Celleriana- para agachar as traseiras dos edificios e gañar en calidade urbana. O arborado complétase con Gyngko bilobas na praza da entrada.
  • Rúa do Muíño. Quedará completamente peonalizada. Para salvar a pendente converterase nunha escalinata atravesada por unha rampla para garantir a accesibilidade.
  • Praza en Eduardo Pondal. Nova zona de estancia con arborado (Gyngkos), mobiliario e novo pavimento, e creación de bancadas.
  • Praza na cabeceira da avenida da Estación. Cambiará o entronque coa avenida da Estación que deixa de ser perpendicular para mellorar a accesibilidade e co fin de mellorar tamén a conexión coa senda do Gafos.

A empresa E.C.Casas foi a adxudicataria da obra cun orzamento de 1.258.629,17 euros e un prazo de execución de 8 meses. Entre as melloras presentadas pola empresa está a substitución do firme de asfalto por un lastro de 50×50 que aguantará o tránsito de vehículos, aínda que a rúa quedará de preferencia peonil.

Fondos FEDER

A intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

COMPARTIR