Medio Ambiente crea unha lista de agarda para optar aos hortos urbanos

278

A Concellaría de Medio Ambiente abre mañá o prazo para todas as persoas que queiran optar a unha horta urbana, ben en Monte Porreiro ben na Finca do Conde (A Parda), para que se inscriban na lista de agarda única que se vai crear.

Cabe lembrar que a Concellaría puxo en marcha o pasado verán unha nova regulación dos hortos urbanos polos que se adxudicaron as 22 hortas de Monte Porreiro e as 37 de Finca do Conde por un prazo de dous anos. Pasados algúns meses, algunhas delas quedaron valeiras e foron ocupadas polas listas de agarda de cada unha das fincas.

Na actualidade, xa non existe lista de agarda en Monte Porreiro, e quedan algúns veciños na da Finca do Conde. A estes últimos respectaráselles a súa solicitude inicial para poder facerse cargo dunha horta na Parda, e o resto conformarán esta lista de agarda única que se porá en marcha a partir de mañá ben para cubrir as vacantes, ben para ocupar parcelas de nova creación.

As persoas interesadas poderán solicitar a incorporación á lista a través do Rexistro Municipal (en papel ou electrónico) cubrindo o impreso.