Pontevedra recibe a visita da cidade da danesa de Roskilde

125
  • O vice-alcalde Tomas Breddam, acompañado dunha delegación de 15 persoas estivo hoxe na cidade interesándose polas características técnicas do modelo.

O Concello de Pontevedra recibiu a visita do concello danés de Roskilde, encabezado polo seu vice-alcalde Tomas Breddam, que se achegou á cidade para coñecer o modelo urbano dada a transcendencia internacional que ten.

Logo de manter un encontro con técnicos municipais durante un par de horas, e de recibir a benvida do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a comitiva integrada por 15 persoas (distintos cargos políticos e de departamentos do concello danés), fixo unha visita guiada da man do xefe da Policía Local, Daniel Macenlle. Ademais de participar nun xantar oficial no que o Concello estivo representado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, tamén visitaron outros espazos da cidade durante a tarde.

A delegación de Roskilde destacou a benvida que lle ofreceu o Concello de Pontevedra e amosouse moi interesada polos aspectos técnicos que permitiron controlar a circulación a motor pola cidade, dando a prioridade aos peóns.

O obxectivo desta visita é trasladar a filosofía da cidade do Lérez a Roskilde contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos seus veciños e a pór en valor os seus activos como a impoñente catedral gótica, patrimonio da humanidade, ou un museo de barcos viquingos do século XI que foron recuperados a mediados do século XX. Estes e outros atractivos, como a súa proximidade á capital danesa, fan da cidade de Roskilde un punto turístico de referencia no país.