Pontevedra participa dende o luns nos foros da OCDE en Atenas cunha intensa axenda internacional

12
  • En día e medio o alcalde e a concelleira de Promoción Económica participarán nos foros da organización internacional xunto a alcaldes e ministros de todo o mundo para abordar o crecemento inclusivo e como facer fronte ás megatendencias mundiais.
  • Está prevista unha reunión bilateral co alcalde de Atenas que tamén promoverá un encontro de todos os rexedores sobre os retos da UE.

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, trasládanse mañá á Atenas, en representación do Concello, para participar o luns e o martes na 4ª reunión de Champions Mayors da OCDE e na 7ª mesa redonda de alcaldes e ministros da OCDE, respectivamente. Nunha xornada e media de traballo, a delegación pontevedresa desenvolverá unha intensa axenda internacional con reunións e intervencións nos foros pechados da OCDE, así como un encontro cos alcaldes convidados para abordar o futuro da UE, unha entrevista bilateral co alcalde de Athenas, Georgios Kaminis, ou participar nunha entrevista para a canle oficial da OCDE, ademais doutros convites protocolarios.

Pontevedra compartirá protagonismo nestes foros xunto ao outros moitos alcaldes europeos, americanos, asiáticos e africanos como Bolonia, Braga, Budapest, Glasgow, Liubliana, Reikiavik, Rotterdam, Sevilla, Sinta, Umea (Suecia), Mérida (México), Quillota e Renca (Chile), Santa Mónica (USA), Thetford Mines (Canadá), Fukuoka e Toyama (Xapón), Distrito Leste de Singapur, Chauen (Marrocos). Aos que se sumarán outros representantes doutras localidades.

Encontro da Alcaldía de Atenas

Na xornada do luns, o alcalde e a concelleira de Promoción da Cidade, participarán nun encontro organizado pola Alcaldía de Atenas -e á marxe dos encontros da OCDE-, no que o rexedor grego, Georgios Kaminis, liderará a reunión na que se debaterá como os alcaldes das principais cidades europeas poderían intervir no debate sobre o futuro de Europa, agora que están ás portas as súas eleccións. O debate prevese esencial para crear unha unión de estados europeos que poidan abordar os retos de futuro como a migración, o cambio climático ou o aproveitamento da cuarta revolución industrial.

Este encontro será na Alcaldía de Atenas, de 09.00 horas até as 11.30 horas cando está prevista a exposición de conclusións.

Ao remate, sobre as 12.00 horas, os alcaldes Fernández Lores e Georgios Kaminis manterán unha reunión bilateral na mesma sede da Alcaldía na que intercambiarán opinións sobre as súas cidades e as súas as xestións municipais.

4ª reunión dos Champion Mayors polo crecemento inclusivo

A continuación desenvolverase a reunión de alcaldes da OCDE que debaterá como as cidades poden aproveitar todo tipo de innovación: social, tecnolóxica e política pública para acadar cidades máis inclusivas e o benestar dos seus veciños. 

As primeiras intervencións da 4ª reunión dos Champion Mayors polo crecemento inclusivo comezarán ás 13.30 horas presentando a enquisa OCDE/Bloomberg Philanthropies 2018 sobre a capacidade de innovación das cidades. Dende ese punto, a reunión continuará con tres rondas para amosar as experiencias que hai no mundo, en dúas das cales intervirá Pontevedra.

O alcalde exporá a experiencia de Pontevedra na primeira ronda, a de Innovación social, que pretende amosar como as cidades respaldan a innovación social, é dicir, o deseño e posta en marcha de novas solucións e respostas aos problemas sociais, mellorando o benestar dos veciños.

Tamén participará na segunda sobre a innovación no sector público co obxectivo de mellorar e satisfacer as solucións dos administrados.

Existe a posibilidade de que Pontevedra se incorpore á terceira ronda de debate sobre innovación tecnolóxica e dixital, pero que se decidirá no mesmo momento do seu inicio.

O remate destas sesións están previstas para as 18.30 horas.

7ª mesa de alcaldes e ministros da OCDE

A xornada do día seguinte, Pontevedra asistirá á 7ª reunión pechada de alcaldes e ministros organizada pola OCDE en colaboración coa cidade de Atenas e o Ministerio de Economía de Grecia, para intercambiar ideas, experiencias e boas prácticas de como poder atender conxuntamente ás megatendencias, é dicir, a globalización, os cambios demográficos, a dixitalización, o cambio climático…

Esta reunión celebrarase de 09.00 a 12.00 horas no Megaron Athens International Conference Centre.