Comeza a reforma do segundo treito de Benito Corbal con cambios de tráfico

380
  • A partir do mércores óbrase entre Branco Porto e Cobián Areal, o que obrigará a pechar ao tráfico ese tramo da rúa.
  • Deixarase sen reformar a beirarrúa onde está o edificio da Xunta á espera de que se retiren os andamios. Incluso se poderá agardar até que remate a reforma de Lepanto.
  • O asfaltado de toda a reforma farase ao final da obra.

A rúa Benito Corbal volverá a cambiar de sentido a partir do mércores, cando se retoman as obras no segundo treito (dende o edificio da Xunta até a praza do Hospital). Xa está rematada toda a primeira fase do proxecto (de Sagasta a Branco Porto) e só queda pendente do asfaltado que se fará en toda a rúa xunta.

As obras continuarán polo segundo tramo sen executar a beirarrúa situada ao carón do edificio da Xunta que está en obras. Esa será a última parte do proxecto, agardando que se poidan ir retirando os as estadas para poder traballar na rúa. De non ser así, a Concellaría de Obras xa decidiu que deixará este tramo por rematar para comezar a reforma da rúa Lepanto que arrancará polo entronque coa rúa San Antoniño e irá avanzando cara o edificio de Benito Corbal.

Daquela, o Concello xa executaría o treito que quedase pendente diante do edificio autonómico xa que é moi probable que estivese retirada a andamiaxe da obra.

Ao igual que no primeiro tramo, esta nova fase de obra suporá novas restricións ao tráfico, para tratar de acelerar o proxecto o máximo posible. A rúa Lepanto xa se poderá abrir ao tráfico normal, e volverán a cambiar de dirección as rúas que na primeira fase cambiaron de sentido.

  • Reábrese o treito de Benito Corbal entre Branco Porto e Vasco da Gama (baixada cara a praza de Barcelos).
  • Péchase a circulación entre Branco Porto e Cobián Areal. Para pór en marcha este peche:
    • Cámbiase o sentido de circulación de Joaquín Costa entre Branco Porto e Uxío Novoneira, que pasará a ser de entrada na cidade.
    • Invértese a rúa Branco Porto na súa totalidade, quedando de entrada cara Benito Corbal e Cruz Gallastegui.

En todo caso, estará autorizada a carga e descarga e tamén o acceso a residentes que accederán ao tramo agora pechado ben entre Benito Corbal e Cobián Areal ou ben entre Benito Corbal e Branco Porto.

O proxecto

A reforma de Benito Corbal pretende afondar no modelo Pontevedra especialmente nesta zona, de grande importancia comercial. Quere mellorar a calidade de vida e a mobilidade tanto peonil como de vehículos privados. É un ámbito cun tráfico peonil moi intenso, polo que é preciso ampliar os espazos para peóns. Deste xeito, reducirase o espazo do vehículo privado que quedará confinado a un carril en toda a vía, e o resto gañarase para os peóns.

A actual sección é de beirarrúas de 3 metros de ancho, máis 2,10 de prazas de estacionamento e un carril de circulación de 3,50 metros. No novo proxecto, as beirarrúas pasarán a catro metros de ancho e a calzada baixarase a 3,20 metros. O estacionamento quedará na marxe dereita (no sentido da circulación) que será de servizos e carga e descarga.

A seguranza viaria é a redución do ancho do carril e a instalación de pasos de peóns elevados. En concreto, no cruzamento das rúas Branco Porto e Benito Corbal será un paso elevado na súa totalidade.

Non se demolen as beirarrúas, só se amplían. Aínda que o proxecto contempla o asfaltado de toda a rúa. Para garantir o paso das cabalgatas e desfiles, córtanse as acacias da marxe esquerda da rúa.

COMPARTIR