A loita do Concello contra a velutina sigue adiante: nova campaña de trampeo e rolda de charlas informativas

66
  • Oubiña critica a “ineficacia” da Xunta unha loita que ten a obriga de liderar: “É hora de que a Xunta se poña as pilas, é unha praga, é un problema de país”
  • O Grupo de resistencia anti velutina, coordinado polo servizo de Medio Ambiente Natural, eliminou máis de 1.000 niños en dous anos
  • A velutina achégase, chanzo a chanzo, á zona urbana

A loita contra a velutina continúa. O Concello comeza unha nova xeira de charlas informativas con asociacións veciñais e sociais e centros educativos co fin de dar a coñecer que é e como combater esta praga , ademais dunha nova campaña de trampeo da man do Grupo de resistencia anti velutina (voluntarios), coordinado polo servizo municipal de Medio Ambiente Natural. A retirada de niños, que enfrontaban a partir de abril-maio, adiántase nesta ocasión “polo inverno tan quente que tivemos”.

O concelleiro de Parques, Xardíns e Medio Ambiente Natural, Alberto Oubiña presentou hoxe as novas campañas ao tempo que cifraba en algo máis dun millar o número de niños de avespa asiática eliminados nos dous anos de loita contra a velutina. Un traballo feito por voluntarios, co apoio loxístico e de coordinación do Concello, ante “a ineficacia” da Xunta, cuxa responsabilidade é estar ao fronte desta loita.

Alberto Oubiña sinalou que vai a remitir unha carta-informe á Xunta de Galicia para “que sexa consciente do traballo que se está a realizar no Concello”, “para que contrasten os seus datos cos nosos: niños eliminados, áreas de maior incidencia, horas de traballo, cartos investidos… e actúen”. “É hora de que a Xunta se poña as pilas, é unha praga, é un problema de país” subliñou o concelleiro de Medio Ambiente Natural.

O Concello abre un período para que as asociacións e colectivos sociais interesados soliciten charlas informativas sobre como combater a vespa velutina. Poden solicitarse a través do teléfono do Concello, 986-804300, extensión 7107.

Ademais calquera pode consultar as dúbidas que teña no servizo municipal de Medio Ambiente Natural, telf 986-804300, extensión 7584

Por outra banda mantense aberto o whatsapp 679.411930 para avisos de niños, pregándose o envío da xeolocalización.

Voluntarios

Alberto Oubiña compareceu xunto con José María Domínguez, até agora portavoz dos voluntarios anti-velutina quen explicou que, após das dúbidas polo agotamento do traballo continuado que levan facendo e de xeito desinteresado, seguirán adiante colaborando na erradicación de vespa asiática.

O concelleiro agradeceu publicamente “o esforzo, dedicación e tempo” dos voluntarios ao tempo que convidaba ás persoas interesadas a sumarse a este equipo, integrado case por completo por apicultores. Son 25 persoas, divididas en cinco equipos de intervención.

José María Domínguez, pola súa banda, alertou da presenza da vespa asiática “cada vez máis próxima á zona urbana” e sinalou como zonas de alto risco: ás marxes dos ríos Lérez, Rons e Tomeza (precisan auga para construír os niños), as proximidades de colmeas ou de árbores como rododendros, camelias.

O Grupo de resistencia anti velutina atende os avisos de retirada de niños nun tempo en menos de 24 horas, nos máis dos casos sempre que estean no ámbito rural.

COMPARTIR