Lores convida ao alcalde de Atenas a visitar Pontevedra

15
  • O rexedor de Pontevedra mantivo un encontro con Georgios Kaminis, que tiña referencias de como é Pontevedra e do que ten logrado
  • A delegación pontevedresa en Atenas asiste ao plenario da OCDE de alcaldes e ministros que se celebrará entre hoxe e mañá

O Concello de Pontevedra está a participar na xornada de hoxe e de mañá no encontro de alcaldes e ministros que a OCDE organiza na cidade de Atenas para abordar como facer cidades máis inclusivas, e como afrontan os grandes retos como o cambio climático, o crecemento demográfico… O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías estarán na capital grega un día e medio que comezou a primeira hora da mañá cunha entrevista coa canle televisiva da OCDE.

O alcalde foi preguntado pola achega que a cidade de Pontevedra pode facer ao cambio de paradigma nas cidades, ao que contestou que é o momento de actuar, de que os gobernantes das cidades asuman as súas competencias e comecen a preocuparse pola calidade de vida de todos os seus veciños.

Conversa co alcalde de Atenas

Aínda que estaba concertado un encontro co alcalde de Atenas, Georgios Kaminis, por motivos de axenda tivo que suspenderse, pero igualmente o rexedor grego quixo achegarse ao alcalde de Pontevedra e mantivo un aparte con el para falar das súas cidades.

Georgios Kaminis coñecía que Pontevedra era unha cidade na que manda o peón, e trasladoulle as dificultades que ten a administración local en Grecia para executar un modelo como o da cidade do Lérez debido á dificultade de deixar claras as competencias entre as distintas administracións.

Fernández Lores animouno a loitar por mellorar a vida para os seus veciños e convidouno a visitar Pontevedra cando tivese oportunidade.

Plenario OCDE Champions Mayors

A xornada continúa co plenario da 4a reunión dos Champion Mayors polo crecemento inclusivo logo de que o alcalde de Atentas e o secretario xeral da OCDE, Ángel Gurría deran a benvida aos alcaldes asistentes e procedentes de todas partes do planeta como Bolonia, Braga, Budapest, Glasgow, Liubliana, Reikiavik, Rotterdam, Sevilla, Sinta, Umea (Suecia), Mérida (México), Quillota e Renca (Chile), Santa Mónica (USA), Thetford Mines (Canadá), Fukuoka e Toyama (Xapón), Distrito Leste de Singapur, Chauen (Marrocos).

Ademais da presentación enquisa OCDE/Bloomberg Philanthropies 2018 sobre a capacidade de innovación das cidades, desenvolveranse tres encontros sobre a innovación nas cidades nos que Pontevedra terá oportunidade de participar.

Cea na embaixada

A xornada rematará cunha cea oficial ofrecida polo embaixador de España en Atenas á delegación de Pontevedra, pola súa presenza na cidade grega.