Dende Merluzoteca a comida de pucheiro para o novo primeiro andar do Mercado

315
  • O Concello está no proceso de apertura das 13 ofertas. Unha quedou desbotada por ter defectos de forma.
  • A Concellaría de Promoción da Cidade continúa traballando no horizonte de abrir a nova actividade do Mercado en xuño.

Trece das catorce ofertas que se presentaron para ocupar os locais do primeiro andar do Mercado de Abastos pasaron o primeiro filtro da adxudicación. Segundo explicou esta mañá a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, unha proposta tivo que ser rexeitada porque tiña defectos de forma na presentación da oferta.

O departamento xa ten aberto o sobre coa proposta técnica, que son as seguintes:

  • Mexillóns en diferentes variedades
  • Comida de pucheiro para tapas e para levar a domicilio
  • Vexetalia: comida só con verduras
  • Polboteca, con polbo da Illa de Ons.
  • Peixe afumado
  • Almorzos vexetarianos (infusións, batidos, merendas…)
  • Coctelería con e sen alcol
  • Viñoteca con todas as denominacións de orixe galegas.
  • Empanadas feitas cos produtos que previamente se comprarán na planta baixa do mercado e con distintos tipos de fariñas.
  • Cervexa artesá
  • Elaborados de polbo
  • Piadas, zumes…
  • Merluzoteca, en diferentes variedades e produtos para consumir.

Anabel Gulías explicou que na vindeira semana rematarase o proceso de revisión da oferta técnica, e procederase a abrir a proposta económica. A Concellaría traballa coa previsión de que a primeira planta do Mercado estea aberta ao público no mes de xuño.

Con estas propostas sobre a mesa, é posible ter unha ocupación de 2/3 da primeira planta do Mercado de Abastos, segundo Anabel Gulías que xa adiantou que hai persoas que se amosaron interesadas en participar nunha segunda apertura de concesións para cubrir as vacantes que queden.

Para a concelleira, as ofertas que se presentaron cubriron “plenamente” as expectativas do Concello xa que se pretendía favorecer a sinerxía entre a planta baixa e a primeira; ofrecer unha oferta atractiva, variada e de calidade.