Pontevedra ponse guapa para darlle a benvida á primavera

698
  •  Repartiranse 4.000 plantas para encher de cor os balcóns en cinco puntos da cidade, entre o 29 de marzo e o 12 de abril
  • O paisaxista José Souto impartirá dous obradoiros de coidado de plantas e ornamentación de balcóns o 4 e 10 de abril
  • Exposición de bonsais na Casa da Luz do 3 ao 7 de abril
  • O artista Santiago Castro Soage comezará o 1 de abril a construír unha escultura co tronco do cedro retirado diante do ambulatorio nos xardíns Marescot

Chega a primavera e con ela regresa Ponteguapa, unha iniciativa municipal que ten como obxectivo encher de plantas, cor, luz e alegría os balcóns e fiestras da cidade.

O concelleiro de Parques, xardíns e medio ambiente natural, Alberto Oubiño, presentou hoxe o programa Ponteguapa que vén cargado de actividades lúdicas, obradoiros e actividades que completarán o reparto de plantas, que identifica esta iniciativa.

Ponteguapa 2019 xira arredor de catro eixos, segundo explició Alberto Oubiña:

1.- Encher os balcóns de cor.

Entregaranse 4.000 plantas das variedades petunias, calibrachoa, margaridas e perlagonium (xeranios) en cinco xornadas de reparto, da acordo co seguinte calendario:

  • Venres 29 de marzo, ás 18.00 horas na Praza Peregrina
  • Sábado 30 de marzo, ás 11.00 horas na Rúa Virxe do Camiño
  • Venres 5 de abril, ás 18.00 horas na Praza da Audiencia
  • Sábado 6 de abril ás 11.00 horas na Praza José Martí
  • Venres 12 de abril, ás 18.00 horas na Praza do Hospital

O reparto de plantas irá acompañado de outras actividades que se desenvolverán simultaneamente nas zonas que acollan esta iniciativa. Haberá obradoiros infantís de flores de origami e material de refugallo, contacontos da man de Polo Correo do Vento, así como actuacións musicais que animarán esta nova cita con Ponteguapa e que serán Strange Mystery Flower (Venres, 29 de marzo), Zeltia – Irevire – (Sábado, 30 de marzo), Dingo, (venres, 05 de abril), RustyJames & Fringe (sábado, 06 de abril) e Poemas con Pompa e Boato (venres, 12 de abril) respectivamente.

2.- Actividades lúdico- formativas sobre coidado de plantas

Esta edición de “Ponteguapa” inclúe obradoiros de coidado e ornamentación de balcóns da man do paisaxista José Souto, galardoado hai uns días co premio a Mellor Xardín Galego outorgado pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), a Asociación de Cultivos do Baixo Miño e Acubam. Conta cunha ampla traxectoria no deseño de xardín contando con premios internacionais como os primeiros premios nos festivais internacionais de Allariz e Ponte Lima.

José Souto impartirá dúas sesións gratuítas, de 2 horas cada unha, sobre Coidado das plantas e ornamentación de balcóns

  • Xoves 4 de abril, ás 18.00 horas na praza de Ourense
  • Mércores, 10 de abril, ás 18.00 horas mos xardíns de Marescot (diante de Belas Artes)

En caso de mal tempo, as actividades formativas impartiranse na Casa da Luz.


3.- Exposición de bonsais na Casa da Luz

A Casa da Luz acollerá unha exposición de bonsais dende o día 3 ao 7 de abril. Esta mostra inclúe un obradoiro sobre Como transplantar un bonsai que terá lugar na Casa da Luz o mércores 3 de abril, ás 19.00 horas.

4.- Creación en vivo dunha escultura de madeira

O artista Santiago Castro Soage comezará a construír o luns 1 de abril unha escultura co tronco do cedro retirado de diante do ambulatorio Virxe Peregrina. O artista é o autor, entre outras, das esculturas de madeira da Finca de Briz. Estima que o traballo que fará a vista de todos precisará arredor dun mes para estar rematado.