A reforma da Piscina de Campolongo comeza coa retirada da maquinaria deportiva e dos elementos metálicos

214
  • A demolición interior da instalación está prevista para a vindeira semana.
  • A obra comezou este luns e a previsión é que volva a abrir as súas portas o 1 de outubro.

O complexo deportivo de Campolongo está en obra dende este luns e pechado aos usuarios dende o domingo pola tarde. Tal e como estaba previsto, a empresa adxudicataria da nova concesión, Serviocio Beone pechou a instalación que estará en obras durante os vindeiros meses para volver a abrir o 1 de outubro.

Durante estes primeiros días, a concesionaria entregou o material deportivo (aparatos de musculación, bicicletas estáticas…) a diferentes clubs da cidade e asociacións que llo solicitaron, xa que todo este material será totalmente novo.

Na xornada de hoxe estábase a retirar as partes metálicas da instalación (alumino, ferro) que tamén se reciclarán. E de cara á vindeira semana está previsto que se inicie a demolición interior de toda a instalación.

A empresa que executa a obra -contratada pola concesionaria- é Desarrolla.

O proxecto

A reforma das Piscinas de Campolongo ten un orzamento de 5.140.000 euros, dos cales 4.333.000 euros serán da obra civil.

Farase unha remodelación total do complexo deportivo e só quedará a superficie da lámina de auga. Ampliarase a superficie construída que pasará de 3.800 metros cadrados a 5.700; e a de actividades en seco de 700 m2 a 1.600 m2. Gáñase espazo na planta baixa, abrindo o edificio cara o paseo que está ao carón da Igrexa, que lle dará luminosidade a toda instalación.

Tamén se incorporarán e mellorarán servizos como ludoteca, a área de fisioterapia completarase con nutrición, e haberá máis salas para fitness e actividades deportivas pasando de 4 a 9.

Cabe lembrar que a empresa Serviocio-Beone presentou unha oferta económica de 4,6 millóns de euros; ofrece unha redución do 100% das tarifas sociais; dun 2,5% do resto de tarifas; 60.000 euros/ ano de canon o que suporá 1,2 millóns de euros dado que hai que ter en conta a revalorización do canon dende o ano 2020; e non aceptará o millón de euros públicos de investimento ofrecidos polo Concello para asumir a reforma das instalacións.

Ademais da oferta económica, a empresa tamén propón maior horario de apertura da instalación sobre os mínimos esixidos polo Concello que se resume nun maior horario de uso en época invernal: iniciando a actividade as 6:45 e finalizando as 23:30h, con horario continuado de apertura os sábados dende as 9:00 horas ata as 21:00 horas; e en época estival, se mellora a proposta mínima, coa apertura os domingos pola maña.

Na xestión da piscina, Serviocio propón un incremento de rúas para actividades programadas polo Concello. Sobre unha reserva mínima de 60 módulos horarios ao longo da semana, a empresa fai unha proposta total de 212 módulos (supón un incremento do 253%) horarios ao Concello.

Outra das moitas melloras que inclúe a oferta de Serviocio, é un investimento de 400.000 euros para novo equipamento deportivo. Ademais, incrementarase o espazo deportivo das instalacións, con máis salas xa que desaparecen as pistas de squash e bótase unha placa para completar o primeiro andar, entre outras ampliacións.