Acordo entre Deputación e Concello para financiar o acondicionamento do novo local municipal en Ferreiros

69
  • O convenio asinarase o vindeiro 11 de abril ás 11.30 horas.
  • Son dúas plantas de 1.328 m2 en total para acoller as dependencias de Urbanismo, de Tesourería e de Recadación.

O Concello de Pontevedra asinará o vindeiro 11 de abril, ás 11.30 horas, o convenio de colaboración coa Deputación provincial para asumir a financiamento integral do novo Local municipal na rúa Ferreiros. O convenio ascenderá a 1.246.953,40 euros. O Concello de Pontevedra aprobou esta mañá, a través da Xunta de Goberno Local a sinatura deste convenio, un trámite que xa realizou a pasada semana a Deputación provincial.

O acondicionamento do Local municipal de Ferreiros foi adxudicado á Unión temporal de Empresas Prace-San Emeterio por un orzamento de 1.231.000 euros e un prazo de execución de 6 meses. A UTE comprométese a facer melloras en mobiliario valorado en 155.586 euros.

O local de Ferreiros ten unha superficie de 1.328 m2  divididos en dúas plantas: unha de 600 metros2 e outra de 728 metros2, por un prezo de 1.152.000 euros.

As dependencias de Ferreiros acollerán a 70 funcionarios das áreas de Urbanismo (Disciplina urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa, Oficina técnica de licenzas e inspección, Oficina técnica de rehabilitación, Servizo de Urbanismo, Planeamento e Patrimonio) e Tesourería (Tesourería, Xestión Tributaria, Contratación tributaria, tributos e inspección): 30 postos na planta baixa (xestión tributaria) e 40 postos na primeira con urbanismo, todos eles distribuídos por áreas e por departamentos.

A remodelación inclúe todos os servizos, domótica, videovixilancia, mobles fixos, arquivos… así como unha reforma interior pensada para aforrar até un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. De feito, instálase unha celosía de madeira exterior que poida servir para refrescar as oficinas no verán ou manter o calor no inverno. Adóptanse estratexias do que se vén en chamar Arquitectura Pasiva para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo “A”, a mellor das posibles.

O portavoz do Goberno, Raimundo González indicou esta mañá que as obras poderán estar en marcha nestes mesmo mes.

Saúdos  ;-))