O Concello subvenciona a liña de bus de Monte Porreiro a partir da viaxe número 6

98
  • Hoxe asinouse o novo convenio no que o Concello aumenta a subvención que arranca na viaxe número 6, e non na 12 como viña sendo até o de agora.

O Concello de Pontevedra renovou esta mañá o contrato de subvención da liña de transporte público a Monte Porreiro coa empresa Autocares Rías Baixas, adxudicataria desta liña concesión da Xunta de Galicia. Nesta ocasión será por un só ano e inclúe unha mellora ao respecto de anualidades anteriores: a subvención a partir da viaxe número 6 (até o de agora era a partir da viaxe número 12) nun 60% do billete. 

O billete ten un custe de 1,45 céntimos e a partir da viaxe número 6 custará 0,78 céntimos para todas as persoas que teñan a bono-tarxeta da empresa. No viaxe número 80 o custe do billete será de 0,06 céntimos, entre os máis baixos de Galicia.

O convenio foi asinado esta mañá polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o propietario de autocares Rías Baixas, Aurelio Cuiña, que destacaron que esta mellora no contrato pretende ofrecer mellores condicións á xente nova. O orzamento da subvención é de 70.000 euros, aínda que o Concello paga anualmente entre 60.000 e 65.000 euros. 

No ano 2018, o número de viaxeiros destas dúas liñas foron 235.201 (239.104 en 2017). O propietario da empresa de transportes explicou que nos últimos anos mantívose o número de usuarios e incrementouse o uso do bono-tarxeta. De feito, detectaron un incremento un 9% nos usuarios da tarxeta e  nun 36% o número de persoas que empregan máis de 12 viaxes na tarxeta. Na actualidade a empresa ten dadas de alta arredor de 600 bono-tarxetas