O alcalde de Ponte da Barca (Portugal) atopa no modelo urbano “boas prácticas” para mellorar a mobilidade na súa cidade

49
  • Augusto Marinho ve en Pontevedra “unha cidade na que vale a pena vivir e iso é o que queremos para o noso territorio”
  • A súa visita a Pontevedra incluíu una reunión de traballo sobre o modelo urbano e un percorrido guiado polo alcalde Lores

O alcalde de Ponte da Barca (Portugal) estivo hoxe na cidade co fin de coñecer “in situ” o modelo de mobilidade que fai de Pontevedra un referente no mundo. Augusto Marinho chegou acompañado dos representantes de asociación “Soy Niño, Sou Criança” co que a Cámara municipal traballa na implementación da vila como cidade que “abraça ás crianças”.

A axenda da delegación portuguesa incluíu unha reunión de traballo co intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, con quen analizaron o paradigma de mobilidade de Pontevedra e un percorrido guiado pola cidade acompañados polo alcalde Miguel Fernández Lores, quen se declarou “encantado” da visita.

O presidente da Cámara (alcalde) Augusto Marinho tomou boa nota do modelo de mobilidade de Pontevedra, dos exemplos de “boas prácticas que poderían mellorar a mobilidade do noso territorio”, sen perder de vista as particularidades do seu concello, que ten o 50% do territorio nun parque natural, o parque Serra do Xurés, que é reserva mundial da biosfera. “O noso desenvolvemento como municipio basease no desenvolvemento sostenible, na preocupación polo medio ambiente” e coa vista posta nun obxectivo : “ser capital de turismo de natureza e aventura”

“O meu recoñecemento ao traballo do alcalde Lores porque é necesario forza, determinación, coraxe e, sobre todo, visión que, xuntando todo isto, chega a ter unha cidade de alta calidade de vida, amiga das crianzas, unha cidade na que vale a pena vivir” sinalou o alcalde portugués, quen de seguido subliñou que “isto é o que nós queremos tamén para o noso territorio: que o espazo público estea vocacionado cara a poboación, máis centrado na calidade de vida, reducindo tráficos internos… Somos redes urbanas distintas, mais con una mesma preocupación”.