Homenaxe ás vítimas pontevedresas do nazismo

5

Familias das persoas que hoxe homenaxeamos

Compañeiras e compañeiros de Corporación

Representantes Institucionais e veciñais

Amigas e amigos, moi bo día

Estamos aquí para saldar unha débeda adiada durante décadas. Para rematar co esquecemento e traer de novo a Pontevedra, facendo que entren pola porta grande da historia, a sete veciños nosos: Manuel Coto Martínez, Urbano Sanmartín Abilleira, Antonio Gómez Torres, Claudio Tizón Vázquez, Macario Julio Cortegoso Rodríguez, Manuel Pérez Taboada e Ramón García Martínez.

Sete nomes que merecen estar na mellor historia da nosa cidade.

A historia do compromiso, da defensa da democracia e das liberdades. A historia do combate polos dereitos da súa clase e da loita nas trincheiras contra o fascismo.

Despois de décadas de silencio, hoxe comezamos a facer xustiza. A reparar os seus nomes e as súas vidas heroicas e xenerosas. A poñer luz onde había escuridade. Voz onde había silencio. Flores onde había cinza. Palabras onde había espazos en branco. Orgullo onde estaba o baleiro frío do olvido.

Quero agradecer en nome de toda Pontevedra a colaboración das familias que nos abristes as portas dunha experiencia terríbel e dolorosa. A nosa inmensa gratitude por compartir lembranzas, fotografías, cartas, cancións. E sobre todo por gardar e transmitir a dignidade que nunca perderon.

O noso agradecemento tamén a todas as persoas que coas súas achegas fixeron posíbel esta homenaxe. Principalmente a Pepe Álvarez e Montse Fajardo, que escribiron brillantemente desde a historia e desde a memoria páxinas que forma parte xa do libro de ouro de Pontevedra.

Cada día temos máis clara unha certeza: a memoria é necesaria, máis necesaria ca nunca, para defender as causas xustas. Porque sen memoria non somos nada, nin como persoas nin como colectividade.

Como dixo María Lores, a neta de Aurelio Torres e Isolina Villaverde: “se esquecemos, perdemos parte da nosa vida e non sabemos quen somos”. Por iso levamos 20 anos exercendo desde o goberno municipal de Pontevedra un labor constante para reconstruir a memoria colectiva e para reparar todas as vidas aldraxadas e silenciadas. Para non deixar a ninguén atrás, guindado nas cunetas da historia, nas foxas frías da morte por esquecemento.

A memoria ten ademais unha fundamental dimensión ética e política. Porque non só recuperamos os seus nomes. Tamén reivindicamos e celebramos os ideais polos que loitaron. Esa é a mellor homenaxe que lles podemos facer.

Porque a memoria é unha ferramenta imprescindíbel para construir unha democracia digna de tal nome, baseada na xustiza, na reparación e no coñecemento da verdade. É necesaria para que o pasado ilumine o presente, neste tempo no que o monstro infame do fascismo percorre de novo Europa, vestido con novas roupaxes. Para que escollamos as trincheiras nas que loitar, as ideas que defender, os valores que transmitir ás xeracións máis novas. Ideas e valores que deben poñer por diante o respecto á dignidade humana, a xustiza social, o pluralismo, a diversidade, os dereitos das persoas e dos pobos. Para que sexamos quen de vernos nos campos de refuxiados de hoxe, que son os mesmos que recluiron no sur de Francia aos nosos conveciños. Nos muros e nos valados de hoxe, construidos co mesmo arame de espiño que cercou aos estranxeiros, aos discrepantes, aos desposuidos da condición humana. Para que sexamos capaces de ler nos discursos xenófobos de hoxe, a mesma linguaxe de odio e fanatismo do fascismo español e alemán. Do franquismo e do
nazismo, caras da mesma moeda.

Fronte a esta derrota da humanidade e da ética, fronte a esa miseria moral e esa indignidade, nos reivindicamos a memoria dos que loitaron no lado da verdade e da liberdade.

A memoria permanente e luminosa de Manuel, de Urbano, de Antonio, de Cláudio, de Julio, de Manuel, de Ramón.

Reivindicamos e pronunciamos os seus nomes con orgullo. Reivindicamos e celebramos o seu legado invencíbel.

Despois de décadas de silencio, despois de décadas de esquecemento, agora están con nós e con nós fican para sempre.