Comezan as obras para instalar a rede separativa na rúa da Porta Grande

15
  • Incluída dentro das melloras do novo contrato do ciclo da auga, o proxecto complétase urbanizando toda a rúa -paralela a Conde Bugallal- e instalando iluminación led.
  • É o segundo proxecto que se pon en marcha con cargo a estas melloras. O primeiro foi a primeira fase do saneamento de Verducido que marcha a moi bo ritmo.

Mañá porase en marcha o segundo proxecto de saneamento vinculado ás melloras do novo contrato do ciclo da auga asinado polo Concello de Pontevedra coa empresa concesionaria Viaqua a finais do pasado ano. Trátase do proxecto da Porta Grande, paralela a Conde Bugallal (une Conde Bugallal coa rúa dos Montes) onde está previsto instalar a rede separativa e, ao tempo, reurbanizar e iluminar toda a rúa.

A empresa Viaqua ten previsto instalar o centro de traballo mañá mesmo, para comezar de inmediato a abrir gabias para colocar a tubaxe da rede separativa de augas pluviais e fecais. Logo, instalarase unha plataforma única con calmado de tráfico e mellora de toda a iluminación da rúa.

A primeira das obras con cargo ao novo contrato que se puxo en marcha, fai agora quince días, foi o saneamento de Verducido, a única parroquia do rural pontevedrés que carecía deste servizo. Os traballos desta primeira fase comezaron polo lugar do Outeiriño, e desenvólvense a moi bo ritmo. O custe desta obra é de 4.787.862,55 euros.

Estes proxectos están incluídos dentro das melloras que a empresa ofertou no contrato do ciclo da auga. Son arredor de 58 millóns de euros dos cales 25 irán destinados a completar todo o  saneamento do rural pontevedrés.

A empresa Viaqua, encargada da redacción, contratación e execución de todos estes proxectos, tamén traballa en completar os saneamentos doutras parroquias como Campañó ou Santo André de Xeve, e tamén o da rúa Echegaray, que chegarán en breve ao Concello para ser supervisados polos técnicos municipais.

COMPARTIR