O barrio da avenida de Vigo completa a mellora da súa mobilidade

53
  • O alcalde e o concelleiro de Obras comprobaron esta mañá o estado de desenvolvemento dos traballos no último tramo da avenida de Vigo e o remate do proxecto da rúa Herminia Fariña Cobián

A avenida de Vigo e a súa contorna xa están totalmente adaptadas ao modelo de cidade. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, comprobaron esta mañá o resultado nas obras da rúa Herminia Fariña Cobián e o estado da reurbanización do último tramo da avenida de Vigo (cara o nó do Pino) que está pendente de remate.

A rúa Herminia Fariña Cobián, que sube ao IES Torrente Ballester tivo un custe de 241.349,90 euros consistiu na ampliación das beirarrúas deixando un único carril de circulación (de saída) no seu primeiro tramo (dende a avenida de Vigo á Pintor Manuel Colmeiro), mentres que o 2º tramo, até a rúa Pintor Virxilio Blanco quedou de dobre circulación, de distribución de tráficos no barrio.

Puxéronse pasos sobreelevados a un único nivel nos cruzamentos creando unha pseudo-praza

Cando se fixo a redacción da mellora da mobilidade na contorna IES Torrente Ballester tívose en conta dous condicionantes: o intenso tráfico peonil da zona xa que soben e baixan a diario 580 alumnos do centro de ensino, e o tráfico de saída.

Entronque co nó do Pino

A mellora da mobilidade neste barrio completouse rematando a avenida de Vigo, no entronque co nó do Pino, unha intervención para mellorar a mobilidade pechando o circuíto de peóns e o axardinamento.

Con esta mellora reconstruíuse a beirarrúa do último tramo, na marxe dereita de saída da cidade, mantendo a liña estética e os estándares de calidade do resto da avenida de Vigo. Polo tanto, eliminouse un carril de circulación, deixando un só como o resto da rúa. O espazo sobrante incorporouse á zona verde do Pino que será plantada e tratada con céspede de arborado.

O proxecto completa a senda peonil que vén da Ponte do Couto (Salcedo) e remata nunha pista de terra antes de chegar a Josefina Arruti. Propón completar esta senda levando ao camiñante até o paso de peóns de Josefina Arruti e continuando a ruta pola zona axardinada até a avenida de Vigo.

Aínda que non é un traballo moi grande, si é importante, xa que é un punto da cidade na que se toca o rural e o urbano; ademais de ser unha das entradas á cidade que é importante que estea en boas condicións.