Pontevedra conmemorará os 850 anos do Foro da cidade con distintas actividades culturais e educativas

117
  • Está prevista unha publicación científica e unhas palestras para difundir que é o Foro (recoñecemento institucional explícito da categoría urbana de Pontevedra outorgado en 1169).
  • A Universidade de Vigo traballa na creación dunha unidade didáctica  e un videoxogo para os escolares, e nunha recreación da Ponte do Burgo en realidade aumentada.

O Concello de Pontevedra celebrará ao longo deste 2019 os 850 anos do Foro de Pontevedra, o documento asinado polo rei Fernando II en 1169 que dá privilexios aos vasalos locais, e que vai conformando os primeiros chanzos do que logo será a esplendorosa vila de Pontevedra.

A Concellaría de Cultura será a encargada de pór en marcha unha serie de actividades e actos para conmemorar os 850 anos deste documento, que na actualidade se conserva no Museo de Pontevedra.

Está prevista unha publicación na que participan unha ducia de expertos no mundo medieval nos seus diferentes eidos. Este libro, dunhas 80 páxinas, estará coordinado polo lingüista Xosé Abilleira Sanmartín e recollerá o propio concepto de Foro, o reinado de Fernando II, a fronteira entre Galiza e Portugal, o inicio da cidade portuaria de Pontevedra, a importancia do idioma ou o protagonismo da raíña Urraca…

“Pretende ser unha obra que agrade a todo o mundo e que se poida empregar, incluso, como catálogo de promoción da cidade”, explicaba a concelleira de Cultura, Carme Fouces.

Participarán no libro:

  • Mercedes López Mallán, profesora de Historia da Arte
  • Anselmo López Carreira, catedrático de Xeografía e historia.
  • Francisco Rodríguez, autor de obras vinculadas co medievo
  • Cilia Torna, medievailista
  • Silvia Cernadas Martínez, medievalista
  • Francisco Calo Lourido, catedrático de Xeografía e Historia
  • Alberto Lago Villaverde, medievalista
  • Miguel García Fernández, medievalista
  • Xosé Abilleira Sanmartín, lingüista e director do proxecto
  • Ricardo Pichel, filólogo
  • Marina Aurora Garzón Fernández, experta en Historia da Arte
  • Ana Acuña, filóloga.

A publicación será difundida a través de distintas palestras que abordarán estes estudos sobre o Foro de Pontevedra.

Unidade didáctica e videoxogo

Ademais, dous departamentos das facultades de Educación e de Telecomunicacións da Universidade de Vigo están a traballar conxuntamente na creación dun material didáctico sobre o Foro para ser repartido nos centros de ensino no curso 2019-20. Esta unidade didáctica estará vinculada a un videoxogo “xa que é interesante transmitir estes contidos a través dunha linguaxe que o alumnado actual domine”, explicaba Carme Fouces.

Ao tempo, e reaproveitando a exposición da Ponte do Burgo, farase unha recreación con realidade aumentada desta infraestrutura medieval, complemento de excepción para a obra de peonalización da ponte que se está a executar.

Que é o Foro?

O Foro designa, en xeral o instrumento xurídico polo que o señor lles concede dereitos aos vasalos, ben se trate dunha relación contractual para a explotación da terra (o característico arrendamento de foro) ou ben do privilexio outorgado aos habitantes da cidade (foro ou carta foral).

Aínda que a formación dos núcleos urbanos é un proceso paulatino de raíces antigas, foi ao longo do XII cando adquiriron o conxunto de trazos que os caracterizaron. A concesión rexia do foro a unha cidade non significa o seu nacemento material, mais si o recoñecemento institucional explícito da súa categoría urbana.

Segundo recolle a propia publicación “Fernando II, rei de Galiza, Asturias e León refunda a vila de Pontevedra e dalle un foro no ano 1169. Non se trata dunha refundación illada. Durante os mesmos anos que van en 1157 e 1230, os reis Fernando II e o seu fillo Alfonso VII van fundar e darlles foro ás principais vilas da beiramar (e boa parte das do interior): Viveiro, Ribadeo, A Coruña… Todas elas comparten a dedicación á pesca e mais ao comercio e algunhas outras características. A maioría están  metidas no fondo das rías e non na boca a diferencia de fundacións posteriores.

… No ano 1180 o rei cedeulle a vila ao arcebispo de Compostela. Durante a Idade Media e Moderna os arcebispos de Compostela serán os señores de Pontevedra, non sen condicións; é o rei e non o arcebispo quen confirma esta copa do foro.

A vila vaise converter de seguido no máis importante porto das Rías Baixas e dos máis importantes de Galiza, e chegará a ser a fins do século XV a cidade máis importante de toda a beiramar entre a fronteria de Portugal e a de Francia.

Os motivos deste suceso hai que buscalos na súa situación xeográfica. Situada nun cruzamento de camiños entre O Salnés e O Morrazo, e no punto onde a depresión meridiana cruza o Lérez, esta ruta natural que vai de Malpica ata Tui, xa fora aproveitada polos romanos para a vía XIX e volvería selo para o ferrocarril. A ponte permite o paso do río ao tempo que serve de arranque dos peiraos e do barrio da Moureira onde viven os mareantes: mariñeiros, comerciantes e carpinteiros de ribeira. Con acceso á ría, o Lérez serve de corredor cara ao interior e proporciona un subministro constante de auga”.

COMPARTIR