O Salón pecha a súa XX edición agardando que “Veñan máis 20!”

67
  • O acto de clausura de RockLab puxo fin a 3 semanas de actividade das que gozaron preto de 26.000 de todas as idades
  • A consolidación dos públicos adolescentes, a baixada da ratio de escolares por día en fomento da calidade das actividades e a expansión do Salón pola cidade, entre os obxectivos cumpridos
  • A lusofonía como cultura convidada supuxo un éxito ao achegar profesionais chegados de Brasil, Angola, Cabo Verde ou Portugal que participaron activamente do programa

A edición máis especial do Salón do Libro, a número XX, pechou hoxe as súas portas logo de 3 semanas completas de actividade, acortando nunha fin de semana a súa duración. Nun acto de clausura conducido pola contadora Andrea Bayer, o alumnado do RockLab puxo sobre o escenario todo o seu talento para festexar con Orbil – e toda a xente que dalgún modo fixo posible o Salón – os seus 20 anos de vida. No acto no que a cativada puxo música e voz unha invasión alineníxena „Isto é a fin‟, tocaron pezas de música electrónica en „A humanidade contra a máquina‟ e coñecemos a historia (e revolución) da primeira nena de cor que foi á escola en Estados Unidos en „Contos e cantos escuros‟. O espectáculo musical deu paso a quenda de palabra na que a concelleira de Cultura carme fouces sinalou que “non é posible agradecer unha a unha ás miles de persoas – público incluido – que fixeron posible o Salón, que, ao igual que este espectáculo, é un traballo colectivo, pero imos personalizar ese agradecemento na figura de

Luis Bará: a persoa que ao longo da súa vida espallou unha morea de proxectos maravillosos como o Salón. Unha persoa cun enorme compromiso coa cultura e amor pola cidade e o país.” Na súa quenda de palabra, Luís Bará, que foi agasallado cunha lámina de Kiko Dasilva na que aparece a figura de Orbil, sinalou a Manuela Rodríguez e Xosé Ballesteros de Kalandraka como ideógrafos do proxecto que “non sabíamos onde ía chegar pero chegou ao mellor porto, aos voso corazóns. E fixémolo con algo fermoso como os libros, a música, o teatro e con grandes valores que moven o mundo como o amor, a amizade ou a xustiza social. Todas esas cosas que agocha a literatura e que non debedes deixar de ler”

Os discursos deron paso a un divertido video no que o Alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, Carme Fouces, Luis Bará, Pilar Portela, as docentes Laura Goldar, Raquel Mera o Ma Carmen Hermida, Kiko Dasilva, Luz Gallego de Seijas ou Luis Losada, os contadores Tareixa Alonso Xacobe Rodriguez ou Andrea Bayer contaron o que significa o Salón para eles e para a cidade.

Ao final, Orbil foi sorprendico polos 20 nenos/as que representan todas as etapas do Salón ata hoxe, cunha tarta. E sopraron as velas desexando que veñan 20 máis.

26.000 persoas de todas as idades gozaron da ampla programación do Salón que festexou os seus 20 anos diversificando a oferta para abranguer todos os públicos e chegar a cada recuncho da cidade. Entre as exitosas novidades desta edición cabe salientar o éxito dos encontros lectores destinados a público adolescente „Lemos e somos VIP‟, a troca de libros coordinada polo IES Torrente Balleste e as ANPAS – na que se deu unha nova vida a máis de 5.000 libros – ou a actuación musical “Alegría‟ de Sergio Tannus e Marta Bravo na Residencia de maiores de Campolongo.

Con “A revolución‟, lema desta edición, chegou a consolidación de actividades como o Congreso Internacional de Mediación Lectora, evento de maior relevancia do nordeste da península neste eido, e a presencia dunha cultura convidada que permite a participación de numerosos profesionais para enriquecer á programación. Se o ano pasado foi México, este ano a Lusofonía trouxo representantes do mundo da ilustración, a narración oral, escritores/as e mediadiadores/as da relevancia de Marina Colasanti, o Premio Andersen Roger Mello, Volnei Canónica, etc.

Obradoiros, contacontos, os roteiros “Cidade de conto‟ e “Cegoñas no fondo da ría‟ de Manuel Lourenzo, Masterlass de ilustración, actividades en librarías e establecementos de hostelaría da cidade, música e teatro para todas as idades, etc. completaron a oferta de actividades para público en xeral ás que se sumaron as concertadas en horario matinal con 11.600 escolares de todos os cursos, que este ano gozaron dunha maior calidade nas súas actividades ao reducir o número de nenos/as por día e destinar aos centros as 3 semanas en lugar de dúas.