Comeza Apego primavera

299
  • As actividades do programa están dirixidas a familias con fillos e fillas de 0 a 6 anos e as prazas son limitadas
  • Formulario de inscrición http://apuntate.pontevedra.gal/apego/ ‣ Para formar parte da familia Apego hai que solicitar cita a través da web www.apego.gal
  • Están dirixidas a familias con fillos e fillas de 0 a 6 anos e as prazas son limitadas

Comezan a edición de primavera do programa Apego en Pontevedra ao tempo que se mantén aberto o prazo de inscrición para a nova quenda de actividades. A Concellaría de Normalización Lingüística, dirixida por Alberto Oubiña, desenvolve este programa de actividades tendo en conta o obxectivo do Apego: achegarlles ás nais e aos pais recursos que lles axuden a mellorar e enriquecer a lingua que falan na casa coas fillas e os fillos, así como a creación de espazos de socialización en galego para as familias.

Consonte isto, as propostas ofrecidas para esta primavera abranguen obradoiros, charlas, unha camiñada pola cidade e unha foliada con merenda para despedir o programa.

As actividades están dirixidas ás familias que teñen fillos e fillas ata 6 anos ou que están agardando un novo membro; todas elas son de balde.

As prazas son por familia, para 1 ou 2 adultos por menor. Son limitadas e para todas as actividades cómpre inscrición no seguinte formulario: http://apuntate.pontevedra.gal/ apego/

Por outra banda para formar parte do programa Apego hai que solicitar unha unha cita a través do web apego.gal

Programa de actividades

Martes 16 de abril, de 17.30 a 18.30 horas. Obradoiro: Mario pensaba que o galego non servía para nada. El sabía inglés, francés, chinés…, con Polo Correo do Vento.

Sesión de contacontos participativo, onde toda a familia acompañará a Mario na súa aventura de descuberta do seu mundo máis próximo. Para familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos; na Casa Azul (rúa Sor Lucía)

Martes 23 de abril, de 18 a 19.30 horas. Percorre a cidade e atopa a lingua! Nesta camiñada o historiador Roberto Rivas axudará a descubrir a lingua que atesoura Pontevedra en familia. Sairá desde a praza da Peregrina e percorrerá rúas e prazas do centro histórico con explicacións e xogos para toda a familia. Esta ruta urbana está dirixida a familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos.

Xoves 25 de abril, de 17.30 a 18.15 horas. Para cantar e bailar, con Luís Prego e Samuel Soto. Para aprender cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados; para experimentar os primeiros pasos do baile tradicional e practicar diversas melodías e ritmos. Luís Prego é profesor de canto e baile tradicional e autor dos libros Para cantar e bailar e Xogos musicais. Obradoiro pensado para familias con nenas e nenos de 4 anos en diante; na Casa Azu (rúa Sor Lucía)

Martes 7 de maio, de 17 h a 18.30 horas. Crianza respectuosa, con Ana Couto. A través do enfoque da crianza respectuosa falaremos sobre como poñer os límites con paciencia e firmeza e aprenderemos ferramentas para educar sen premios nin castigos. Ana Couto é pedagoga especialista en adestramento educativo e de familia e intelixencia emocional. Obradoiro para adultos; haberá un servizo de ludoteca e bebeteca dispoñible simultáneo ao obradoiro. As dúas actividades desenvolveranse na Casa Azul (rúa Sor Lucía)

Sábado 11 de maio, de 17.30 a 19 horas. Foliada con Apego Nos xardíns do Dr. Marescot, fronte a Belas Artes. Pablo Díaz e Olga Kirk dinamizarán este encontro pensado para coñecerse, compartir, cantar, bailar e ir aprendendo de xeito natural unha chea de cantos de noso. As familias que toquen algún instrumento tradicional poden levalo; tamén a merenda para compartir. Este obradoiro está dirixido a familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos.

PÁXINA WEB

Ademais desta programación de actividades, o programa Apego vén de incrementar os recursos dispoñibles na súa páxina web para facilitar a crianza en galego coa compilación a ligazóns a diversos audiovisuais dipoñibles na Rede: http://apego.gal/outros-recursos/

+ inf: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Tel. 986 863 157. normalizacionlinguistica@pontevedra.eu. ou apego.gal

COMPARTIR