Concello e CSIC comparten un afán: darlle visibilidade á Misión Biolóxica

62
  • O alcalde Miguel Fernández Lores recibiu ao novo delegado do CSIC para Galiza, Antonio de Ron quen achegouse ao Concello coa directora da Misión, Elena Cartea
  • ‣  A Misión Biolóxica prepara a celebración do seu centenario que terá lugar no 2021 e quere compartila con Pontevedra

O alcalde Miguel Fernández Lores recibiu esta mañá ao novo delegado do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), Antonio de Ron Pedreira. Na que foi a súa presentación oficial estivo acompañado por Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica de Galicia, centro radicado en Salcedo e que no ano 2021 cumprirá 100 anos de vida adicado á investigación e as ciencias agrarias.

Lores e De Ron concordaron no obxectivo de “visibilizar máis a existencia da Misión Biolóxica na cidade”, un organismo non suficientemente coñecido, aínda sendo un centro investigador público, pioneiro e de recoñecido prestixio internacional e no que traballan 70 profesionais.

“Estamos abertos a promocionar a súa existencia, a traballar conxuntamente, ao mellor con visitas escolares, ciclos de conferencias…” sinalou o alcalde quen, de seguido engadiu que a Misión Biolóxica é un activo importantísimo para a cidade xa que o futuro está na investigación e na innovación.

De Ron e Cartea agradeceron a colaboración que sempre atopan no Concello á hora de organizar congresos ou actividades formativas, polo que agardan poder dispor dun edificio singular no centro da cidade para acoller exposicións e actividades vencelladas á celebración do centenario. “Somos os grandes descoñecidos da cidade “ indicou a directora da Misión Biolóxica que ve no aniversario unha oportunidade única para deixar de selo

COMPARTIR