O Concello mantén a oferta á Xunta de terreos para unha residencia da terceira idade como hai 6 meses

62
  • O pasado 22 de outubro o alcalde xa lle trasladou a Feijoo o interese do Concello en contrar con outro equipamento destas características.
  • Pontevedra pon a disposición parcelas en Tafisa, Valdecorvos, A Parda, na rúa da Barca…
  • “Segue existindo toda a vontade de colaborar o máximo posible”, afirmou César Mosquera

O Concello de Pontevedra segue mantendo a oferta que lle trasladou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o pasado 22 de outubro de 2018 para a construción dunha nova residencia da terceira idade na cidade. Os terreos para edificar este novo equipamento público na cidade poden ser tanto da Xunta como do propio Concello que pon a disposición parcelas en Tafisa, Valdecorvos, na Parda (antigos terreos do Carlos Oroza), na rúa da Barca…

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou esta mañá que a Consellería de Política Social terá que enviar ao Concello os requisitos que esixe para un equipamento destas características e buscar a parcela máis acaída. Ademais, tamén instou a que sexan os técnicos da Xunta os que se poñan en contacto cos municipais para falar do tema.

César Mosquera informou que o Concello recibiu unha carta da Consellería de Política Social o mércores, 17 de abril, arredor das 14.30 horas, e en vésperas da Semana Santa, na que se solicitaba un terreo para a construción dunha residencia. Vinte minutos despois o Concello contestaba a ese correo electrónico recordando o ofrecemento que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores lle fixera a Alberto Núñez o pasado 22 de outubro, e lembraba toda a disposición para colaborar neste proxecto.

Naquel momento o presidente da Xunta trasladáballe ao alcalde, as negociacións que estaba mantendo coa congregación propietaria do asilo para reabrilo como residencia da terceira idade. Dende ese contacto, o Concello non volveu ter máis novas do interese da Xunta até a carta do pasado mércores.

Dende o Concello, César Mosquera asegurou que “agardemos que a Xunta vaia en serio, porque se lle interesa, o Concello ten toda a vontade en colaborar o máximo posible”. Lembrou que a Xunta de Galicia dispón de toda a documentación dende o pasado 22 de outubro, pero que “de ter sido perdida”, volveráselle a enviar.

De todos os xeitos, o concelleiro aventuraba tendo en conta o procedemento que empregou a Xunta para solicitar este terreo, que non exista demasiado interese por parte da administración autonómica. “Habitualmente faise unha chamada previa informando do interese polo asunto que sexa e a continuación fanse reunións técnicas entre a Xunta e o Concello, e este non foi o caso”, asegurou César Mosquera, quen recordou que o último parágrafo da misiva da Consellería dá a entender o marco no que se produce esta petición: a campaña electoral.

Igualmente, o Concello segue a manter “todas as facilidades” para que se faga este novo equipamento na cidade. “Que digan o que queren, e a disposición como fai 6 meses”, concluíu César Mosquera.