Aprobados e en execución seis millóns de euros das melloras do novo contrato da auga

205
  • A Xunta de Goberno aprobou esta mañá os proxectos de Campañó Sur e da rúa Echegaray.
  • O Concello aprobará en breve os proxectos de Campañó Sur, Santo André de Xeve e a rede de abastecemento de Mourente para dotar de auga ao futuro gran Montecelo.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá os proxectos de saneamento de Campañó Sur e da rúa Echegaray, incluídos dentro das obras que ten que executar a empresa concesionaria do ciclo da auga, Viaqua, dentro das melloras incluídas do novo contrato. Con estes dous novos proxectos aprobados xa estarían listos para investir ou en execución 6 millóns de euros do contrato, sumado ás obras da primeira fase de Verducido e a rúa da Porta Grande.

No que ao saneamento de Campañó Sur respecta dará servizo aos lugares de Campañó de Arriba, Piñeiro, Carballiños, Pedreira, Moldes e o Freixo, e terá un importe de 2.314.880,80 euros. Vai dar servizo a 160 vivendas.

O portavoz do Goberno e responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González explicou esta mañá que se tiña celebrado unha asemblea veciñal, na que os residentes se comprometeron a solicitar os permisos para pasar por fincas privadas.

Viaqua está pendente de presentar o Plan de seguridade e saúde e tamén de seleccionar a empresa adxudicataria, polo que esta obra podería empezar na segunda quincena do mes de maio.

Este proxecto completarase cunha segunda intervención na parroquia (Campañó norte) que ten un orzamento de 1.818.000 euros e presentarase no Concello nos vindeiros días.

Rúa Echegaray

O segundo dos proxectos que aprobou esta mañá a Xunta de Goberno Local foi a reforma da rúa Echegaray, que supón a renovación da práctica totalidade dos servizos: rede de saneamento, pluviais, de auga da marxe dereita e a canalización de iluminación. A reforma en superficie segue os mesmos estándares que o resto da cidade. Gáñase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas. Haberá unha superficie de 1.804 m2 de urbanización de beirarrúas, e 1.634 metros cadrados de estacionamentos e viais.

Logo de ter convocada unha reunión cos veciños, acordouse iniciar a obra canto antes, polo que poderá comezar ben a finais de mes ou a primeiros de xuño. Tratando de evitar o maior número de prexuízos aos residentes, a obra farase primeiro nunha marxe e logo na outra.

Terá unha duración de 6 meses e un orzamento de 694.424,38 euros.

O 25% do contrato

Con estas obras a empresa Viaqua xa ten aprobadas ou iniciadas obras por valor de 6 millóns de auga do novo contrato de abastecemento e saneamento. Ademais, os vindeiros tres proxectos que serán aprobados polo Concello serán o de Campañó norte, Santo André de Xeve, e a rede de auga potable á parroquia de Mourente, que permitirá abastecer dende o depósito de Castro Senín ao futuro gran Montecelo e parte da parroquia. 

En total estaría aprobada e en execución o 25% das obras de mellora que ten ofertada a empresa Viaqua nos investimentos tanto da rede de saneamento como de auga.

COMPARTIR