Camiñando cara a gran quedada dos “Supercantos. Aquí Cántase!”

231
  •  A cita é o 9 de agosto, véspera do inicio das Festas da Peregrina, en catro prazas: A Ferrería, A Leña, Curros Enríquez e diante do Teatro Principal
  • Haberá sete ensaios (un xeral) nos locais sociais do Gorgullón, Santo André de Xeve e Salcedo
  • A Concellería de Festas e Maravallada van da man nesta proposta que pon o ramo a tempada de Cantos de Taberna, que remata o vindeiro 31 de maio

Vinte cancións, sete ensaios (un deles xeral), tres locais, catro prazas e unha “gran quedada”. Son os vimbios da gran cita do 9 de agosto: Supercantos. Aquí Cántase!!, que este ano chega a súa terceira edición como “un clásico do verán pontevedrés” na véspera do inicio das Festas da Peregrina.

A Concellería de Festas e o Grupo Maravallada van da man nesta proposta que porá o ramo a tempada de Cantos de Taberna, que pecha o vindeiro 31 de maio co convite de Maravallada a cantar con eles nos bares Saudade e O Pavero, dende as 21.00 hora á media noite.

O concelleira de Festas, Carme da Silva, xunto con Xaquín Moreda e María Luz Rodríguez, de Maravallada, presentaron hoxe a nova quedada dos Supercantos ao tempo que animaron aos pontevedreses e pontevedresas de todas as idades, con ganas de cantar a vivir e gozar “desta experiencia de canto colectivo”.

Os ensaios do repertorio de Aquí Cántase!! desenvolveranse en tres centros sociais e veciñais do Concello: no Local social O Gorgullón, no Teleclub de Santo André de Xeve e na Casa Verde de Salcedo, en horario: de 20.30 a 22.00 horas e co seguinte calendario.

Calquera pode sumarse aos ensaios pero prégase inscribirse, a efectos organizativos, en pontevedra.gal/supercantos ou no teléfono 986.804300 ext. 7107. En calquera caso as portas están abertas a todas as persoas que se acheguen aos centros sociais nos días de ensaio.

Os cantos da gran “quedada” do 9 de agosto estarán dirixidos por Anxo Xesteira. As voces soarán nas prazas da Ferrería, Curros Enríquez, A Leña e diante do Teatro Principal. O pasado reuníronse nas prazas arredor de 1.500 persoas.