O XIV Encontro de Palilleiras ‘A Fieitiña’ amplía duración celebrándose do 17 ao 19 de maio no Recinto Feiral

71
  • Entre as novidades desta edición atoparemos unha mostra homenaxe a Luís Seoane con 17 obra súas realizadas en bolillos por Ana Lista Sebe e 4 cursiños
  • O evento máis grande de Galicia e o segundo do estado logo de Barcelona, contará con máis de 1250 palilleiras chegadas de Madrid, Murcia, Valencia ou Extremadura entre outras.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Cultura Carme Fouces, recibiron esta mañá á Asociación ‘A Fieitiña’ responsable do tradicional Encontro de Palilleiras que acada en 2019 a súa 14ª edición e vén, como destacou Lores, cargada de novidades:” Por primeira vez terá lugar na ponte das Letras Galegas e durará 3 días, aínda que o día grande será coma sempre o domingo. Contará cunha mostra homenaxe ao pintor Luís Seoane, con 17 pezas feitas combinando encaixe contemporáneo e tradicional realizadas por Ana Lista Sebe e están inscritas máis de 1250 palilleiras, convertendoa no encontro máis grande de Galicia”.

Lores apuntou ao prometedor futuro do encaixe , grazas a estes eventos que potencian e lle dan un compoñente económico e artístico. Sinalou tamén a calidade do evento polas súas condicións de accesibilidade á persoas con movilidade reducida e a das propias palilleiras. “Caberían máis, pero preferimos non sobrepasar as 1.300 e que estean cómodas e ben atendidas”, apuntaban dende a organización.

Pola súa banda, Carme Fouces quixo  poñer en valor esta “tradición, escola de saberes, transmitida de xeración en xeración polas mulleres. Hai que darlle a categoría de arte e cultura” e manifestou o “orgullo de ser depositarios deste legado”

A presidenta, Esperanza Marín, destacou a organización de 4 cursos os días 17 e 18 de maio, cunha duración de 8 horas cada un en horario de mañá e tarde e sinalou que aínda quedan algunhas vacantes.

  • Encaixe moderno (República Checa) con Ana Montesinos
  • Guipur policromado con Arzhela le Maitre
  • Do lapis ao picado (Encaixe artistic) con Ana Lista Sebe, autora das 17 pezas de Luís Seoane.
  • Idrija (Encaixe de Eslovenia) con Esperanza Marín

Cun custo de 50€ por día e inscrición previa en fieitina@gmail.com teñen capacidade máxima para 10 persoas por curso e día. As interesadas deberán levar o seu material de traballo a excepción dos fíos, facilitados pola asociación.

Podedes atopar toda a información e programa na súa web http://afieitina.es/

COMPARTIR