Arquitectos de Barcelona visitan Pontevedra para mellorar a vida dos seus veciños

237
  • Os nove técnicos do Departamento de Prospectiva da Dirección de Modelo Urbano da área de Ecoloxía, Urbanismo
    e Mobilidade do Concello de Barcelona están na cidade para coñecer o seu modelo.

O Concello de Pontevedra recibiu esta mañá a visita do equipo do Departamento de Prospectiva da Dirección de Modelo Urbano da Área de Ecoloxía, Urbanismo e Mobilidade do Concello de Barcelona, encargado do proxecto das “Superillas”. O equipo deste departamento está integrado por nove arquitectos coordinados por Rosa López Olmos quen explicou que a visita a Pontevedra está enmarcada dentro do intercambio de información que está a realizar con outras cidades co propósito de mellorar a calidade de vida dos barceloneses.

Rosa López explicou que a pretensión do Concello de Barcelona é camiñar cara unha cidade ambientalmente sostible e quere mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Para facelo é preciso o cambio das formas de vivir e “queremos compartir experiencias coas cidades que teñen estes éxitos ou non éxitos”.

No encontro que mantiveron co concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, Rosa López asegurou que “nos encantou o que temos visto: semáforos, pasos de peóns…”. Explicou que os concellos de Pontevedra e de Barcelona “temos maneiras de facer e realidades diferentes, pero hai cousas que son universais”.

O Concello mantivo unha reunión previa de información sobre o modelo de cidade, e a continuación fixeron unha visita á cidade acompañados do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.

Os arquitectos de Barcelona mantiveron contactos co Concello de Pontevedra no transcurso dunha xornada na que participou o Concello e a Deputación provincial en Barcelona para falar de saúde e cidades.