Surfing The Lérez… que mellor xeito para comezar as Festas de Verán?

182
  • A Illa do Covo acollerá os días 21 e 22 de xuño, dúas xornadas adicadas ao rock, con horario ininterrompido dende ás 12.00 horas até media noite
  • Heredeiros da Crus, cabeza de cartel na primeira xornada do festival que pechará Familia Caamagno
  • Os nenos e nenas, máis protagonistas que nunca: arredor de 200 subirán ao escenario da man de Estudo Bonobo, Escola do Rock de Paredes de Coura (Portugal) e o Local de Música
  • A “entrada” será, como sempre, unha achega solidaria de comida para Redeaxuda, que solicita leite

Coa chegada do verán chega Surfing The Lérez. O venres 21 de xuño e o sábado 22, a Illa do Covo será de novo escenario do xa consolidado festival, “que marca o inicio das festas de verán de Pontevedra”, unha cita lúdico-musical co rock and roll como fío condutor e pensada para o goce de pequenos e maiores.

Como nos anos anteriores, no Surfing haberá unha recollida de alimentos – a “entrada” a pagar suxerida e unha achega solidaria- para Redexuda, que solicita leite.

A concelleira de Festas, Carme da Silva presentou hoxe a que é a novena edición que dará máis protagonismo que nunca aos nenos e nenas. Ao seu carón tiña ao director do festival, Marcos Rivas e a Lúa Sálamo, coordinadora da organización.

Serán arredor de 200 os rapaces e rapazas que subirán ao escenario para actuar, da man do Estudo Bonobo e Escola do Rock de Paredes de Coura (Portugal) e coa colaboración do Local de Música. A ese mesmo escenario subirán os DJs Charlie DJ, Fiuza e Malaguita.

Unha das grandes bandas da música galega, Heredeiros da Crus será o cabeza de cartel no arranque do festival, o venres 21 mentres que Familia Caamagno porá o ramo o sábado 22 cun espectáculo – “moi divertido”, segundo Marcos Rivas- de música, lume e luz. Serán doce concertos que amosarán a variedade e calidade da música que se fai en Galiza.

Ao longo das dúas xornadas actuarán nos escenarios principais, ademais das bandas de inicio e peche: Fondo Norte, Selvática, Malkeda, Mushu, Basanta, Tony Lomba & Eladio Santos, Rayotaser, Sex Museum, Holywater, The Lelli’ s Kellys, Ortiga, Anaut , Tree Blind Crows… Rock, indie, garage, punk e até ritmos latinos… para un público heteroxéneo e de todas as idades.

Surfing é unha romaría familiar na que non faltan postos de venda de comida e bebida, un mercadiño de creadores emerxentes e atraccións infantís. Nesta ocasión un tiovivo de madeira que xira a golpe de pedal e outros xogos de madeira.

COMPARTIR