Discurso do Día das Letras Galegas

13
  • Acto Homenaxe popular a Antón Fraguas da Asociación do Burgo

Amigas, amigos, un ano máis reunímonos aquí no que para moitos de nós é a principal festa do ano. 

Este día de teimuda reivindicación e san orgullo no que chamamos a atención e visibilizamos o apoio á nosa lingua.

Cada 17 de maio celebramos a alegría de mostrar ao mundo con fachenda o florido panorama da nosa lingua nos eidos da creatividade e a literatura.

Pero tamén a preocupación polo escaso éxito das políticas lingüísticas que deberían estar ganando falantes e abrindo novos horizontes de uso dentro deste país descabezado, pero en realidade o que acontece é que o idioma está en franca regresión.

Ogallá os nosos netos e netas tivesen asegurado que a lingua galega seguía vivindo neles para alimentar a súa cultura, as súas relacións, a súa creatividade.

Hoxe rendemos tamén homenaxe a un dos bos e xenerosos. A un pontevedrés de Cotobade que viviu na capital parte dos anos máis prolíficos do século XX, aqueles que precederon ao cruel levantamento militar que deu lugar á ditadura.

Antón Fraguas viviu unha época na que forneceu a este país de moito do coñecemento erudito que precisabamos.

A información sobre o que fomos, sobre como vivimos ao longo do tempo, sobre a nosa relación coa paisaxe e coa materia, sobre as cousas que nos son propias como galegos e galegas, de que vivimos, como vestimos, como falamos, que casas habitamos, que alimenta o noso corpo e o noso espírito.

Todo isto foi obxecto da curiosidade infinda de Antón Fraguas, un dos arquitectos da nosa esencia nacional no sentido moderno do termo, no sentido máis aberto e contemporáneo.

Se somos galegos é porque atravesamos xuntos e de xeito máis ou menos homoxéneo o itinerario histórico da nosa existencia común.

Por iso, Galiza, e nós os galegos e galegas de hoxe máis ca ninguén, temos que estar enormemente agradecidos a intelectuais da enorme dimensión de Fraguas, que souberon, nos tempos escuros, facer o imprescindible para que non afogase o que nos define como nación.

Hoxe, 100 anos despois de que Fraguas ingresase como alumno no Instituto de Pontevedra, queremos agradecerlle toda a súa vida entregada a Galiza, ao coñecemento do pasado e á difusión que deu á súa obra a través das estreitas marxes que o franquismo permitía.

Grazas por vir, grazas por unir a vosa lembranza á voz deste esgrevio intelectual pontevedrés e grazas por seguir reivindicando a Galiza e ao idioma galego como a máxima seña da nosa identidade.

Moitas grazas