En marcha a licitación do novo parque forestal da Tomba, en Campañó

44
  • Será o segundo parque forestal do concello, despois do de Pontillón do Castro cunha superficie de máis de 67 hectáreas e cun investimento de máis de 440.000 euros
  •  O proxecto contempla a creación de sendas, plantación de especies autóctonas, zonas para a práctica deportiva e para xogos e habilitar miradoiros sobre a ría

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto do segundo parque forestal do concello situado no lugar da Tomba, na parroquia de Campañó. É unha obra que estará financiada con fondos propios cun orzamento de 441.754,54 euros que se executará entre este ano e o vindeiro. É unha superficie de 67 hectáreas cedidas en uso pola comunidade de montes ao Concello de Pontevedra por un período de 30 anos.

O proxecto busca unha mellora substancial dos usos sociais e ambientais deste espazo coa creación e mellora de sendas, plantacións de especies autóctonas e a eliminación de invasoras que dean maior valor ecolóxico á zona de intervención, habilitar zonas para a práctica deportiva, zonas de xogos ou miradoiros sobre a ría.

Búscase un incremento do número de visitantes atraídos polo patrimonio local. As actuacións permitirán unha maior afluencia de visitantes.

Outros proxectos aprobados esta mañá na Xunta de Goberno para saír a licitación foron:

  • Contrato de mantemento das caldeiras dos centros de primaria: 185.000 euros por catro anos.
  • Vestiario da Policía Local: 408.000 euros por 4 anos
  • Pirotecnia para as festas de Santiaguiño e da Peregrina: 78.709 euros
  • Licitación da obra de rehabilitación do firme de Martín Raxo (Lourizán) por valor de 163.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.
COMPARTIR