O Concello recibe o proxecto do acceso de Monte Porreiro para sacalo a licitación

258
  • Trátase dunha obra que mellorará o acceso ao barrio de Monte Porreiro e permitirá facer unha actuación branda no ámbito do río.
  • O proxecto ten un custe de 1,1 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses.
  • Propón unha vía de 605 metros lineais, con dous carrís de 3,50 metros de ancho e unha beirarrúa de 2,50 metros.

O servizo de Contratación do Concello de Pontevedra recibiu nestes días o proxecto de acceso ao barrio de Monte Porreiro polos Campos que sacará a licitación nas próximas semanas cun orzamento de 1.137.280 euros, unha vez que realice toda a tramitación administrativa. O proxecto terá un prazo de execución de 9 meses, unha vez adxudicado.

O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou esta mañá que a tramitación do acceso dos campos “foi longa”. Comezou por parte da Deputación provincial coa redacción do proxecto xa aprobado no Concello e liderando o proceso de expropiación en virtude dun convenio asinado entre o Concello e a institución provincial. Ambas institucións acordaban naquel compromiso que a Deputación realizase as expropiacións por ter unha tramitación máis rápida que a municipal, que se podería demorar moitos anos.

Rematadas as expropiacións, o proxecto chega ao Concello que será o encargado de sacalo a licitación e de executalo. Nos vindeiros días aprobarase o expediente de contratación por parte da Xunta de Goberno.

O acceso a Monte Porreiro recolle unha vía de 605 metros de lonxitude con tráfico calmado, que disporá de dous carrís de circulación de 3,50 metros de largo cada un, cunha beirarrúa de 2,50 metros na marxe esquerda e unha beiravía de 0,60 metros na dereita.

O trazado aproveita o paso inferior baixo as vías do ferrocarril, xa executado polo Ministerio de Fomento, e na súa meirande parte sigue o trazado da rúa Reguiña, ampliándoa, de xeito que se minimizaron as expropiacións e afeccións. No treito final, na contorna dos Campos (xunto á antiga escola unitaria), prevese a urbanización da área pública e a reordenación do tráfico.

O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou esta mañá que con esta vía preténdese mellorar a integración do barrio de Monte Porreiro na cidade, así como facer un tratamento brando acorde co borde do río Lérez. Inicialmente, non está previsto eliminar o tráfico da avenida de Bos Aires.