O Concello substitúe a cuberta da capela do cemiterio de San Amaro

24
  • Está incluído no proxecto tratar as cerchas e pintar o edificio. A intervención permitirá acabar coas goteiras. 

O Concello de Pontevedra inicia mañá os traballos para restaurar a capela de San Amaro situada dentro do recinto mortuorio. Son traballos programados dende hai uns meses pero que estiveron agardando á autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, dado que se trata dun ben protexido.

É unha intervención “branda” para restaurar a cuberta do edificio, que será substituída para acabar coas goteiras actuais. Tamén se tratarán ás cerchas de madeira e se pintará o interior da capela.

O investimento é de 30.000 euros e a obra ten un prazo de execución dun mes, se o tempo acompaña, xa que boa parte dos traballos hai que realizalos no exterior.

A Capela de San Amaro é, en realidade, a capela de San Mamede de Moldes. Trátase dunha construción de orixe románica que no momento do traslado do cemiterio de Pontevedra á San Amaro (aberto en outubro de 1882), estaba situada no exterior do recinto en estado ruinoso. 

Na década dos sesenta San Amaro vive unha primeira ampliación e acórdase incluír a capela de San Mamede. Foi restaurada e nela oficiouse a primeira misa de Defuntos no ano 1967. Dende ese momento, o Concello realiza periodicamente tarefas de mantemento e de restauración cando resulta necesario.

COMPARTIR