Pont Up Store, o mellor escaparate de Galiza para o talento emprendedor

43
  • O prazo para presentar candidaturas está aberto e xa se recibiu un 50% de iniciativas máis que o pasado ano
  • O Pont Up Store estará na cidade do 19 ao 21 de setembro, reivindicando “O impulso da xente valente”
  • Nesta sexta edición inclúese un espazo para o emprendemento senior, un laboratorio de emprendemento rural e múltiples propostas arredor dos videoxogos

O Pont-Up Store presentou un avance da programación que prepara para a súa 6º edición que terá lugar os días 19, 20 e 21 de setembro na Praza de España de Pontevedra. Na presentación participaron o concelleiro de Normalización Lingüística e Xuventude, Alberto Oubiña, o responsable de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto; e o director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, que sinalou que nesta edición o encontro mostrará arredor de 50 novos emprendementos.

O concelleiro, Alberto Oubiña, describiu o Pont-Up Store como “un dos focos de referencia en Galicia onde os novos emprendementos poden amosar o seu talento”.

Pedro Figueroa, pola súa banda, explicou que “ata o momento recibíronse 49 candidaturas procedentes dun total de 31 empresas, o que significa un crecemento do 50% con respecto á edición anterior”. Un 60% das solicitudes recibidas son emprendementos radicados nas cidades e hai un 40% de empresas con base no rural que sorprenden con propostas baseadas na tecnoloxía.

Desde o pasado 30 de maio está aberto o prazo para presentar candidaturas e participar na 6a edición deste encontro que aposta por sacar o emprendemento á rúa e que este ano volve propoñer tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades de demostrativas dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a representantes de importantes empresas e entidades galegas. Nesta ocasión contaremos con EDISA, Hifas da Terra, Roi Scroll e Casa Grande de Xanceda.

Ao igual que o ano pasado, as presentacións serán abertas ao público e haberá tempo para a réplica por parte das persoas oíntes As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades ata o 7 de xullo a través da web www.pontupstore.com A decisión do comité organizador farase pública o 23 de xullo.

O impulso da xente Valente

A campaña deste ano quere poñer en valor o risco que asumen as persoas que deciden emprender para agradecerlles a valentía de apostar por unha idea, entregando o seu tempo e o seu esforzo para facer realidade proxectos que tantas veces contribúen a mellorar a vida da nosa sociedade, e tamén a reequilibrar, a base de moito esforzo persoal, as eivas da economía global. A imaxe da campaña é obra da ilustradora galega Iria Prol.

Espazo Gaming: Emprendemento da man dos videoxogos

Este ano o Pont Up Store volve traer a Pontevedra un sector en crecemento en todo o mundo: a industria dos videoxogos. Máis espazos de exposición onde os visitantes poderán conversar con profesionais do sector, maior número de obradoiros de formación e charlas, e competicións de e-sports nas plataformas de máis éxito na actualidade, formarán parte desta edición do Espazo Gaming Pont-Up Store 2019.

Porén aínda hai máis. Non só as actividades medran con respecto á edición anterior, este ano presentaremos o evento Pont-Up Hobbypont 2019 by Hobbycon. Videoxogos, animación, comics, xogos de mesa, …. todas as formas de expresión da cultura popular terán cabida nesta nova edición.

Emprendemento senior

Nesta edición o encontro dedicará un espazo a emprendementos liderados por persoas que xa cumpriron co seu ciclo laboral pero queren permanecer activos. Entre outras iniciativas presentarase o proxecto ‘Vulnerables’ liderado por Xaime Fandiño e destinado a fomentar o envellecemento activo e interxeracional, dando visibilidade ao coñecemento senior a través de actividades lúdicas, artísticas e empresariais nas que colaboran persoas de diferentes idades e xeracións: desde os 20 ata os 70 anos. O proxecto conta co respaldo da Universidade de Santiago de Compostela, e ten como mentor a Daniel Jiménez, fundador da plataforma de viaxes e experiencias Waynabox.

Galician Rural Lab

A emprendedora Alba Sotelo vai presentar unha experiencia de desenvolvemento rural orientado á formación audiovisual no que se inclúe a gravación dun programa de radio en directo durante o evento e un proxecto de podcast arredor de iniciativas de emprendemento.

Ademais, no Espazo Fab Lab desenvolveranse obradoiros Stop Motion para nenas e nenos de 1 a 12 anos; e unha charla educativa para pais, nais, titores e titoras, sobre o uso das tecnoloxías nas xeracións nativas dixitais.

No Espazo de Economía Social e Creativa vaise organizar unha cata de ideas arredor do proxecto INTERREG VA-LACES; un mural de co-creación baseado nunha economía con valores sociais e responsables; e unha xuntanza de empresas culturais e creativas que traballan desde fórmulas de emprendemento social. Tamén se convocarán, como cada ano, os encontros anuais de distintas entidades do ecosistema emprendedor como Espazocoop, A Redeira, AJE Galicia, WordPress ou Mulleres Atlánticas.

Tecendo comunidades

Desde hai tres edicións o PONT-UP STORE conta oficialmente cunha Comunidade UP! que reúne a todas as persoas emprendedoras que van pasando polo encontro, tecendo unha gran rede galega de comunidades de colaboración e cooperación que traballan co obxectivo de sumar os seus talentos para mellorar e desenvolver iniciativas de emprendemento.

Nesta ocasión, o Espazo Tecendo Comunidades acollerá distintas actividades de networking e dinamización social entre as que figura unha Romería Creativa que presentará iniciativas da industria cultural (arte, entretemento, deseño, arquitectura, publicidade, gastronomía) e a economía do coñecemento (educación, investigación e desenvolvemento, alta tecnoloxía, informática, telecomunicacións, robótica, nanotecnoloxía, industria aeroespacial).

O Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Este ano, súmanse a este gran equipo Finsa, GADIS, AEMPE e a Secretaría Xeral de Igualdade.