A publicación “Estudos sobre o Foro de Pontevedra” analiza o nacemento da vila en 1169

117
  • O Concello acaba de publicalo para conmemorar os 850 anos deste documento, primeiro chanzo para transformar a Pontevedra nunha esplendorosa vila medieval.

Pontevedra xa dispón do libro “Estudos sobre o Foro de Pontevedra (1169)” publicado con motivo da conmemoración dos 850 anos do Foro de Pontevedra, o documento asinado polo rei Fernando II en 1169 que dá privilexios aos vasalos locais, e que vai conformando os primeiros chanzos do que logo será a esplendorosa vila de Pontevedra. Hoxe foi presentado no Concello por parte da concelleira de Cultura, Carmen Fouces e parte dos seus autores: Xosé Abilleira (autor e coordinador da publicación), Alberte Lago Villaverde, Anselmo López Carreira, Francisco Calo Lourido e Ana Acuña. Tamén colaboraron neste libro: Mercedes López Mayán, Francisco Rodríguez Sánchez, Cilia Torna, Silvia Cernadas Martínez, Miguel García Fernández, Marina Aurora Garzón Fernández, Ricardo Pichel Gotérrez.

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces vinculou a publicación do libro cos traballos que o Concello realiza nestes momentos traballos de recuperación da Ponte do Burgo “a arteria principal de comunicación entre o norte e o resto da cidade, así como do Camiño de Santiago” e o berce de Pontevedra; e este traballo permite “non esquecermos de quen somos nin de onde vimos”.

Estudos sobre o Foro de Pontevedra será un dos agasallos institucionais que se entregarán aos novos concelleiros da Corporación 2019-2023 que se constituirá este sábado, 15 de xuño; e tamén se entregará como agasallo institucional nos encontros ou visitas que reciba a cidade.

O autor e coordinador do libro, Xosé Abilleira explicou que o propósito da publicación era facer “unha monografía plural”, na que se recollen temáticas diversas como o significado do Foro, a revisión do propio texto, novas achegas dende a óptica actual, a análise do Rei e da Raíña… En definitiva, trátase dunha publicación “que transcende ao localismo e resulta unha peza seria no ámbito historiográfico”.

A publicación é a primeira actividade que se pon en marcha para a conmemoración dos 850 aniversario do Foro que terá continuidade con outras ferramentas e actividades como material didáctico sobre o Foro para ser repartido nos centros de ensino ou unha recreación en realidade aumentada da Ponte do Burgo, aproveitando a exposición sobre a súa historia.

COMPARTIR