Inauguración do Primeiro Congreso Atlántico de Márketing Dixital Flúor

0

Bo día a todos e a todas e benvidos a este primeiro Congreso Atlántico de Marketing Dixital Flúor, e, por suposto, benvidos á nosa cidade.

Sentímonos moi orgullosos de sermos a sede dun congreso pioneiro no Estado español que reúne a moitos dos nomes máis destacados do eido da comunicación.

Fai uns anos, Toni Puig, creador da marca Barcelona, achegouse á nosa cidade a dar unha conferencia e coñecer o que estabamos a facer. “Tenéis la base: que es la ciudad, y ahora Pontevedra debe dar ejemplo, dar el salto y posicionarse en el terreno de la creatividad”, díxonos. E nós, con toda a humildade pero con rumbo firme, estamos nese camiño.

É por iso que, cando se achegaron a explicarnos a idea deste encontro, non tivemos ningunha dúbida en apoiar a iniciativa converténdonos nos seus patrocinadores principais. Para ser unha referencia, como é a nosa intención, é preciso asumir o reto sen medo e aportar boas intencións e recursos.

Entre outras cousas, porque é obriga das institucións ter unha visión global do desenvolvemento económico para asegurar o benestar futuro. E na actualidade, o progreso depende, en gran medida, do sector que se reúne aquí. As ferramentas de comunicación en xeneral, os seus adiantos e logros, son imprescindibles para que outras moitas iniciativas económicas que nos arrodean consigan ter éxito e crear riqueza para todos.

Neste Concello levamos moitos anos apostando por converter a economía creativa no piar das políticas de promoción económica da cidade. De feito, neste último mandato empezamos a falar abertamente de economía creativa e a planificar programas municipais dirixidos a súa promoción. Por iso artellamos unha rede empresarial baixo o nome “Pontevedra ten un puntazo”, formada por máis dun cento de empresas do ámbito da creación que traballan en rede e coas que intentamos colaborar día a día, atendendo as súas demandas para mellorar o seu funcionamento, ofrecerlles formación e tratando de dar visibilidade ao seu modelo de negocio.

A aposta por este sector vén da man dunha parte importante da sociedade pontevedresa, sobradamente preparada, coas ideas moi claras e con ambición. Este impulso social únese ao Campus Crea da Universidade de Vigo na nosa cidade que permite crear un clima favorábel para que agromen todas estas iniciativas. Por iso dende o Concello traballamos para crear esa estrutura necesaria para o nacemento, crecemento, consolidación e éxito dos proxectos empresariais, tendo como referencia ao alumnado do Campus Crea, de tal xeito que vexa a Pontevedra como a súa cidade, na que vivir, traballar e promover iniciativas que teñan porvir e podan proxectarse ao resto do mundo.

En Pontevedra xa estamos no futuro, estamos no mundo e temos capacidade de interrelación. Aprendemos cada día sen renunciar a nosa singularidade. Os pontevedreses xa demostramos do que somos capaces. Cambiamos radicalmente a fisionomía da nosa cidade, unha transformación que tiña como principio a crenza nas nosas posibilidades. A mesma confianza que impulsa a noso sector da creatividade, un tecido económico e empresarial con exemplos como Krack, Kalandraka, Rei Zentolo, Thunderslove… entre outros moitos. E como demostra tamén a Escola de Moda e Deseño de Galiza, que vén de posicionar no sector ás súas alumnas ao seren seleccionadas para deseñar unha colección cápsula para Inditex.

Pontevedra non ten medo a globalización ben entendida, porque pode ser unha gran oportunidade. Os pontevedreses temos demostrado que podemos traballar dende aquí, e internacionalizar os nosos produtos. Temos empresas con sede en Pontevedra e Chicago; artistas que converten a súa vocación persoal en profesional; emprendedores que traballan é gozan dunha cidade á medida das persoas e que atopan nela a inspiración e os contactos para novas iniciativas… Esta é a realidade hoxe de Pontevedra. Como o demostra a vosa presencia aquí.

Agardamos que o congreso vos sexa moi útil e permitídeme que faga un chisco aos poñentes locais, exemplos coñecidos e recoñecidos para nós.

Pontevedra, 13 de xuño 2019

COMPARTIR