Discurso de toma de posesión do mandato 2019-2023

1

Autoridades, representantes de entidades, veciños e veciñas de Pontevedra 

Moi bos días e grazas por acompañarnos neste Pleno de Constitución da Corporación Municipal de Pontevedra para o mandato 2019-2023.

Compañeiros e compañeiras de Corporación: os meus agradecementos aos que me destes a vosa confianza, especialmente aos do Grupo Socialista, e máximo respecto para os que non o fixeron. Con todos e todas vou contar, agardo poder contar.

Para facer avanzar Pontevedra son necesarias as opinións e aportacións de todos e todas vós. Estou convencido de que o que nos une debe ser máis relevante que o que nos separa. 

Vivimos nun mundo en evolución acelerada. Todos os ámbitos da vida, sexa a económica, a social, a cultural, as comunicacións, a sanidade, o ensino, o comercio, as profesións, as habilidades necesarias, todos están cambiando a unha velocidade de vertixe.

Estes cambios, non sempre fáciles de adaptarse a eles, están desestruturando á sociedade, aumentado as desigualdades, eliminando a privacidade, destruíndo certezas, criando malestar social, disparando tensións e conflitos. 

Por outro lado, estase a pór en perigo o futuro do noso hábitat humano e, incluso, do planeta terra no seu conxunto.

Son os tempos que nos toca vivir, de intensos cambios coas súas inmensas posibilidades, pero tamén coas súas enormes ameazas e perigos.

É o mundo no que nos temos que desenvolver. E temos dúas opcións: 

A primeira, intentar aplicar aquilo de “Paren o mundo que quero baixar”, ou sexa, unha volta ao pasado ou un intento de manter o status quo actual, opción condenada ao fracaso de antemán porque o mundo non se vai parar agardando por ninguén. 

A segunda posibilidade é adaptarse aos cambios, pero ir a remolque dos cambios non é suficiente. Avanzar a modo ou pararse é retroceder, pois outros avanzarán máis rápido.

O único camiño que nos pode permitir avanzar é anticiparse aos cambios e coller a dianteira, para o que fai falla actitude e moito coñecemento, moita sabedoría, moito impulso e moita decisión.

Até a administración pública, tradicionalmente garantista, lenta, burocrática e nada propensa ás innovacións, por mor da prolixa normativa que a afoga, ten que afrontar unha rápida adaptación a estes tempos. Este difícil reto será unha das prioridades do mandato que hoxe comeza.

En síntese, acabáronse os tempos do máis e chegan os tempos do mellor, pasaron os tempos de medrar a toda costa, e estamos nos tempos da mellor calidade, das mellores solucións. Pasamos da obsesión por máis vivendas á preocupación por mellores vivendas; da obsesión por medrar en poboación, a ter poboación con mellores servizos; de máis camas nos hospitais, á mellor atención hospitalaria; de máis coches, a coches mellores e menos contaminantes; de máis e máis comida, a mellor comida e mellor alimentación; de máis e máis administración, a mellor e máis eficiente administración; de máis e máis industria a calquera prezo, a mellor industria, menos contaminante e lonxe de zonas residenciais.

Este marco xeral cristaliza de unha maneira moi específica nas cidades, que tiveron que afrontar, planificada ou desordenadamente, o difícil tránsito das cidades industriais dos anos 60 e 70 do século vinte, ás actuais cidades post-industriais.

Pontevedra, que soportou as peores consecuencias dunha industrialización tardía con bastantes escasos beneficios, comezou tamén con atraso o tránsito a unha cidade post-industrial. 

En Pontevedra, a pesares de comezar máis tarde e ter aínda pendente o traslado da Celulosa, o proceso de tránsito a unha cidade post-industrial de alta calidade rematouse con moito éxito xa hai algún tempo. Os historiadores, urbanistas ou xeógrafos fixaran a data de finalización, pero estimo que non se separará moito do 2016/17, máis ou menos.

Este ciclo foi bastante rápido e rematado con tanto éxito que levou a Pontevedra a ser un referente mundial neste tipo de cidades de servizos, de innovación, de economía creativa, de calidade urbana, de atractivo turístico.

O modelo urbano, xa famoso e recoñecido, aceptado e demandado pola sociedade, é a plasmación en clave progresista, de cohesión social e de confianza nas nosas posibilidades, deste ciclo de tránsito a unha cidade actual con elevada calidade de vida. 

Este ciclo rematouse, non no sentido de que o modelo urbano de Pontevedra non teña aínda moito percorrido, que o ten, senón porque nos meteu de cheo no seguinte ciclo

Pontevedra está agora nos primeiros compases dese novo ciclo. Non hai lugar para a relaxación ou o conformismo. Como pretendamos pararnos ou volver atrás, podemos perder rapidamente a posición de vantaxe relativa que temos na actualidade, a que con tanto esforzo logramos entre todos. 

Temos que seguir avanzando. Cara afora, para lograr consolidar mundialmente a marca Pontevedra e, cara dentro, para dotarnos de solucións avanzadas e novidosas.

O reto é grande e difícil, pero moi ilusionante. Temos avanzado tanto e tan rápido, que as fontes de inspiración e os exemplos alleos a adaptar son cada vez máis escasos. Cada vez teremos que ser pioneiros en máis campos da vida municipal como, os residuos urbanos, o coidado do medio ambiente, a corrección de desequilibrios territoriais e sociais, a innovación e a creatividade, o transporte acorde ás necesidades actuais,  entre outros.

Cun goberno de ampla base, cuns valores sólidos e un rumbo ben definido, cun goberno que vai aproveitar todo o coñecemento e toda a sabedoría acumulada a nivel mundial, que vai actuar con moito impulso e con moita decisión, os obxectivos son máis fáciles de conseguir.

E, sobre todo, cunha cidadanía culta, dinámica, cívica, esixente e disposta a esforzarse para que Pontevedra mellore, non hai reto, por difícil que pareza, que Pontevedra non sexa capaz de superar. 

Se a isto sumamos a experiencia do éxito e a autoestima colectiva elevada, a capacidade de Pontevedra para afrontar os novos retos é hoxe moitísimo máis grande que hai dúas décadas.

Sexamos pois optimistas, temos moitas razóns para selo!!

Viva Pontevedra!!

COMPARTIR