O asfaltado da rotonda de Uxío Novoneira obriga a pechar martes e mércores Eduardo Pondal

208
  • Está incluído dentro das obras de reforma do Gorgullón para nivelar á rotonda á altura da nova plataforma do Camiño de Santiago e cambiar o paso de peóns de sitio.
  • O Concello recomenda aos condutores non transitar pola zona, agás residentes e servizos.
  • O dispositivo de tráfico contempla o peche de Eduardo Pondal (saída cidade), de Xermán Adrio (agás residentes) e na tarde do mércores o cambio de sentido de Filgueira Valverde e dun tramo Joaquín Costa para dar servizo ao Hospital.

O Concello de Pontevedra realizará o vindeiro martes e mércores, 18 e 19 de xuño, o asfaltado da rotonda de Eduardo Pondal, Uxío Novoneira e Gorgullón para nivelar a rotonda e recolocar o paso de peóns que une Eduardo Pondal con Virxe do Camiño. Estes traballos obrigarán a pechar algunhas rúas e a realizar cambios substanciais na circulación doutras, polo que o Concello recomenda aos conductores que eviten empregar a zona agás que sexan residentes ou precisen realizar un servizo.

Estas obras están incluídas dentro da reforma da rúa Gorgullón que xa ten rematado o entronque coa rotonda, aínda que se atopa desnivelado. O propósito do asfaltado é manter o nivel da nova plataforma do Gorgullón con Eduardo Pondal, e tamén recolocar o paso de peóns que unirá Gorgullón con Virxe do Camiño, que estará máis próximo á citada rotonda.

Os traballos desenvolveranse en dúas xornadas: o martes será o fresado e o mércores o asfaltado. Entre as medidas máis destacadas está: o peche do carril de circulación de Eduardo Pondal en sentido saída da cidade; o peche de Xermán Adrio (agás para residentes); e na tarde do mércores, o cambio de sentido da rúa Profesor Filgueira Valverde e Joaquín Costa (entre Antón Fraguas e Cobián Areal) para garantir o acceso de vehículos de emerxencia á traseira do Hospital Provincial.

As restriccións serán de mañá e de tarde, e unha vez que conclúan os traballos de cada xornada volverase a abrir ao tráfico normal.

Dispositivo de tráfico

O dispositivo de tráfico será o seguinte:

Martes, 18 de maio

De 09:30 a 13:30 e de 15:00 a 19:30 horas.

  • Péchase o sentido circulatorio dende Augusto García Sánchez cara Eduardo Pondal.
  • A circulación por Xermán Adrio Sobrido restrínxese e so se permite acceso e saída de garaxes.
  • Permítese o sentido circulatorio por Eduardo Pondal cara a Praza de Galicia, circulando en contradirección na glorieta.
  • Manténse aberto o acceso cara a rúa Uxío Novoneira no sentido normal da circulación.

Mércores, 19 de maio

De 08:30 a 13:30 horas.

  • Iguais restriccións e permisos que na xornada anterior.

De 15:00 a 21:00 horas.

  • Manténse o peche do sentido circulatorio dende Augusto García Sánchez cara Eduardo Pondal.
  • A circulación por Xermán Adrio Sobrido continúa con restricións, e permítese o acceso e saída de garaxes.
  • Péchase o acceso á rúa Uxío Novoneira dende a rúa Eduardo Pondal.
  • Realízase a inversión da rúa Profesor Filgueira Valverde e do tramo de Joaquín Costa entre Antón Fraguas e Cobian Areal.
  • Para realizar estes traballos de tarde adóptanse as seguintes medidas complementarias:
    • Retírase o estacionamento da rúa Profesor Filgueira Valverde e da rúa Joaquín Costa, no tramo entre Antón Fraguas e Cobian Areal.
    • Habilítase unha parada provisional para o transporte público urbano (autobuses), na glorieta de Eduardo Pondal con Teixoeira.
Plan de tráfico do martes, 18 e mércores, 19 pola mañá.
Plan de tráfico do mércores, 19 de xuño, pola tarde.