Pontevedra acollerá aos 40 mellores triatletas masculinos e femininos de España no primeiro Protour

15
  • Trátase dunha nova proba creada pola Federación Española de Tríatlon na que se medirán os atletas españois de primeiro nivel.
  • O río Lérez e a súa contorna volverán a acoller unha proba de elite de tríatlon os 11, 12 e 13 de outubro.

Pontevedra acollerá os vindeiros 11, 12 e 13 de outubro o primeiro Protour organizado pola Federación Española de Tríatlon. Trátase dunha proba de nova creación na que participarán os 40 mellores triatletas de España en categorías feminina e masculina. Este primeiro evento terá como sede Pontevedra, escollida expresamente pola Federación ante os éxitos recollidos nos últimos mundiais Multisport de tríatlon.

É un evento pensado para o espectáculo, nun circuíto relativamente pequeno no ámbito do río Lérez (entre a ponte dos Tirantes e a pasarela peonil) para conseguir unha maior concentración de afeccionados. O evento será emitido en streaming a través da plataforma de televisión dixital LaLigaSportsTV.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores que estivo acompañado na presentación do Protour esta mañá do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, e do presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, agradeceu á Federación que se acordase, outra vez, de Pontevedra para lanzar esta proba tan espectacular dentro do calendario deportivo e asegurou estar “encantado de que a cidade volva a acoller un evento destas características”.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa agradeceu ao alcalde a aposta polo deporte, e asegurou que “cada vez que se fai unha aposta en España por onde se teñen que celebrar estas competicións, sempre é Galicia e Pontevedra”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo indicou que “non imaxino mellor marca no mundo para iniciar unha andaina como esta, que Galicia e Pontevedra”. Manifestou que era unha proba pensada para o “espectáculo” no que a cidade se volverá a volcar.

A proba

As participacións do Protour están reservadas para:

  • Catro para os mellores deportistas españois no Ranking de clasificación olímpica trala celebración da Gran Final de Lausana en 2019.
  • Unha praza a criterio da Dirección Técnica da FETRI
  • 17 prazas aos primeiros deportistas clasificados do Campionato de España de Triatlón Sprint e 18 prazas aos primeiros deportistas do Campionato de España de Triatlón Olímpico. 

Ademais existe un grupo de triatletas que se denominan Gold Group formado por 16 deportistas (8 homes e 8 mulleres) integrado por:

  • 5 triatletas internacionais masculinos e 5 internacionais femininas (os primeiros 4 do ranking olímpico tras Lausanne e os dous seleccionados pola dirección técnica).
  • Os catro campións de España Elite, en categoría masculina e feminina (dúas no Campionato de España de Triatlón Sprint Roquetas e outros dous no Cto. De España de Triatlón en distancia olímpica).
  • O 1º e a 1ª do ránking nacional tralo Campionato de España da Coruña.

A competición será en dúas xornadas en distancia supersprint:

1ª Primeira xornada: 40×15. Establécese unha categoría masculina e unha feminina. Serán dúas competicións Supersprint consecutivas, onde o reloxo non se detén en ningún momento. Os deportistas inician a competición, e iranse eliminando 5 en cada disciplina deportiva, tendo en conta que se farán dúas series a todo o percorrido:

  • 250 m a 300 m de natación
  • 5 km a 8 km de ciclismo
  • 1,5 km a 2 km de carreira

Por último, quedarán 15 deportistas en carreira que finalizarán a competición e recibirán puntos do 15 ao 1, sendo 15 ao primeiro deportista clasificado.

2ª Segunda xornada: Supersprint Eliminatorio. Os 40 deportistas entran nun sorteo aleatorio, onde competirán na semifinal A ou a semifinal B, e a partir de aí xérase o seguinte calendario de probas:

  • Hora 0h 0m; Semifinal Feminina A: Inician a competición 40 deportistas onde se eliminará ás últimas 20 clasificadas.
  • Hora 0h 30m; Semifinal Feminina B: Inician a competición 40 deportistas onde se eliminará ás últimas 20 clasificadas.
  • Hora 1h 15m; Final Feminina: Inician a competición as 20 deportistas clasificadas de cada semifinal. Asignarase puntuación decrecente de 20 a 1, sendo 20 á primeira deportista clasificada.
  • Hora 2h 00m; Semifinal Masculina A: Inician a competición os 20 deportistas onde se eliminará aos últimos 20 clasificados.
  • Hora 2h 30m; Semifinal Masculina B: Inician a competición os 20 deportistas onde se eliminará aos últimos 20 clasificados.
  • Hora 3h 15m; Final Masculina: Inician a competición os 20 deportistas clasificados de cada semifinal. Asignarase puntuación decrecente de 20 a 1, sendo 20 ao primeiro deportista clasificado.

A clasificación final virá determinada pola suma das mellores puntuacións de cada deportista. No caso de empate a puntos, a clasificación da segunda xornada prevalecerá sobre a primeira.

O Protour contará cun montante de 37.000 euros en premios para ambas categorías, 18.500 para a Elite Masculina e outros 18.500 para a Elite Feminina.