O Concello entrega á Xunta unha parcela de 3.600 metros na Parda para construír a nova residencia da terceira idade

179
  • O alcalde e a conselleira de Política Territorial visitaron esta mañá a parcela, convertida, na actualidade, en estacionamento en superficie, de balde.
  • Lores afirmou que a parcela está en mans da Xunta porque foi cedida para construír o novo Carlos Oroza, que finalmente non se materializou.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá a parcela municipal que ocupa o estacionamento de balde da Parda, onde a Consellería de Política Social construirá a nova residencia da terceira idade cun orzamento estimado duns 10 millóns de euros e cunha previsión de 120 prazas. Estes foron os datos que trasladou a conselleira Fabiola García na visita á parcela, en compañía do alcalde.

Fernández Lores explicou que a parcela ten unha superficie total de 3.658 metros cadrados, xa que nela se unen dúas parcelas pertencentes a dúas unidades de actuación urbanística distintas (a U-13 e a U-14, de 3.012 metros cadrados unha e de 646 metros cadrados, outra).

É a parcela ofertada á Xunta de Galicia para a construción do Carlos Oroza, que ao final non se materializou, e na actualidade segue nas mans da Xunta.

O alcalde destacou a boa situación da parcela: preto do PAC da Parda, da Galiña Azul, do Conservatorio e próxima a unha zona verde. Tamén salientou que o barrio da Parda é “unha zona interxeneracional con nenos, xente nova…” e esta decisión enmárcase dentro do proxecto de cidade multifuncional que está a construír o Goberno Local.

Fernández Lores desvelou que o acordo fíxose nun tempo récord, e a Xunta de Goberno Local só terá que aprobar o cambio de uso da parcela antes pensada para dotación educativa, e agora para dotación social.

O Concello reclamou dende anos unha nova residencia para a cidade. E unha vez que non frutificaron as conversas co antigo asilo, “esta solución é a máis axeitada”, aseguraba Fernández Lores quen se amosou satisfeito coa decisión da Consellería e “que queira facela o máis pronto posible”.

A parcela está destinada neste momento a estacionamento público en superficie e de balde. O alcalde asegurou que onde haxa demandas de estacionamento iranse resolvendo, pero no caso da Parda hai tempo antes de que poidan comezar as obras, que non será antes dun ano.