Cuartetos de vento protagonizarán o II Festival de Música de Cámara Cidade de Pontevedra

35
  • As prazas ofertadas para os cursos de formación musical foron cubertas antes do remate do plazo de inscrición

Explorar novas formas de actualizar a música clásica e ofrecela ao público en escenarios non convencionais é un dos obxectivos do II Festival de Música de Cámara, que celebrará a súa segunda edición entre os días 8 e 12 de xullo cos cuartetos de vento como protagonistas. Así o anunciaron esta mañá a concelleira de Festas, Came da Silva, e a secretaria da Asociación Música Viva, Nerea Rodríguez. O primeiro dos concertos, a cargo de Cuarteto Arroute, terá lugar o luns 8, e o segundo, a cargo de Rhea Quartet, o mercores 10, ambos ás 20:30h no Convento de San Francisco. Un escenario que a edil de Festas cualificou como “unha das xoias desta cidade e ademais con moi boa acústica”. 

Da Silva animou á cidadanía a asistir a ambos pases, así como ao concerto final do alumnado que participa nos cursos de formación que integran o Festival e que serán impartidos por profesionais da Asociación Música Viva. Este concerto final terá lugar o venres 12 ás 20h no Teatro Principal. Tamén mencionou como un indicador da demanda deste tipo de formación que as 32 prazas para participar foron cubertas antes de rematar o prazo de inscrición. A concelleira explicou que o atractivo desta formación radica en que ofrecen materias que habitualmente non se imparten na formación regrada dos Conservatorios, como poden ser o dominio escénico, os hábitos de estudo, a posturoloxía e a interpretación.

Pola súa banda, Nerea Rodríguez explicou que a parte formativa -denominada Curso Musical Manuel Quiroga- establece tres niveis e acolle alumnado de 3 a 20 anos. No nivel básico atenden alumnado infantil ao que lle ofrecen un primeiro achegamento ao mundo da música, de xeito lúdico e emocional, e introducindo as figuras de grandes compositores clásicos. O nivel medio está deseñado para alumnado que xa comeza a profesionalizar os seus estudos e ao que pretenden motivar e incrementar os seus coñecementos musicais. Por último, no nivel avanzado acollen persoas de 16 a 20 anos que xa se plantean facer da música a sua vida e súa carreira, creando ademais un esparzo de diálogo e conversa apropiado para enfocar e orientar as súas preferencias musicais.