O Local social do Burgo entregarase aos veciños ao longo do verán

76
  • As obras están case rematadas, e están pendentes de detalles como o mobiliario, o recubrimento exterior ou a decoración interior.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá o avance das obras do novo Local Social do Burgo, situado na primeira planta do campo de fútbol municipal de Pasarón. Estivo acompañado do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, da concelleira de parroquia de Lérez, Pilar Comesaña, dos técnicos municipais e dos representantes veciñais que se achegaron para coñecer como avanza o proxecto, que poderá estar rematado neste verán.

O acondicionamento está practicamente acabado á espera de detalles como o mobiliario, a decoración ou o recubrimento exterior.

O novo centro social é un dos máis grandes do Concello, xunto ao de Estribela e o de Salcedo. Dispón duns 600 m2 acondicionados con alta calidade, climatización, conexión informática, proxectores, mobiliario urbano, cociña equipada…

O alcalde destacou, despois da visita, que con este novo centro “saldamos unha débeda co barrio do Burgo”, que ten unha das asociacións máis dinámicas da cidade.

O acondicionamento do Local foi adxudicado á empresa Gómez Crespo Obras y Servicios por 529.254 euros. O prazo de execución é de 8 meses.

O proxecto propuxo un centro social totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón e para garantir a perfecta separación creouse unha  entrada específica para o local social.