A recollida selectiva aumenta un 25% en Pontevedra ao reciclar 249 toneladas ao mes

41
  • A implicación e o compromiso dos veciños e veciñas permite incrementar os residuos reciclados en 48 toneladas máis ao mes durante o ano 2018

Os veciños e veciñas da cidade de Pontevedra reciclaron preto de 3.000 toneladas de residuos urbanos no 2018, que representan un 25% máis que no 2017. En concreto, os habitantes da cidade pontevedresa reciclaron 249 toneladas ao mes, cun incremento de 48 toneladas mensuais con respecto ao exercicio anterior, segundo os datos que proporciona Ferrovial Servizos, concesionaria do servizo do lixo.

Sen dúbida, os bos datos de 2018 son debido aos mellores hábitos dos cidadáns, á súa concienciación, implicación e compromiso coa reciclaxe. O crecemento dun 25% tamén responde ao incremento do número de número de colectores de recollida selectiva tanto no ámbito urbano como no rural. Cabe lembrar que dende o pasado mes de outubro, o Concello cambiou todas as illas de reciclaxe no ámbito urbano, e completou até 210 as da zona rural.

Respecto aos diferentes tipos de residuos reciclados, a taxa de recollida de papel, envases e vidro situábase nos últimos anos na cidade nun 8%. No que levamos de 2019, a taxa incrementouse ata un 10%, según datos facilitados por Ferrovial Servicios. 

No desglose, a recollida de envases medrou neste 2019 até as 80 toneladas ao mes, cando a media do ano pasado situábase en 64 toneladas/mes. En vidro a recollida chegou ás 90 toneladas ao mes neste 2019, fronte ás 78 toneladas mensuais recollidas durante o 2018. Pola súa banda, en papel a recollida mantense nunha media de 75 toneladas ao mes.

A mellora na recollida selectiva e nas boas prácticas dos veciños e veciñas da cidade no uso dos colectores correspondentes quedou patente en que o 10% dos residuos depositados polos pontevedreses foron recuperados para a súa reciclaxe (co citado aumento do 25%).