Solicitada unha terceira licenza para construír 166 vivendas en Tafisa

18
  • Tres empresarios locais promoven a creación dun novo espazo comercial no Vao, nun polígono de 5.642 metros cadrados próximos á nave municipal, na estrada de Vilagarcía 

O departamento de Urbanismo do Concello de Pontevedra continúa a detectar a recuperación do sector da construción na cidade e o avance da creación de solo industrial no municipio cos últimos expedientes que está a promover o departamento. O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda explicou que o servizo de Urbanismo acaba de recibir a solicitude dunha nova licenza na Unidade de actuación número 7, en Tafisa, para a construción dun edificio de 166 vivendas. Está promovido pola mesma empresa que o que se constrúe na actualidade: Metrovacesa.

Con esta nova solicitude de licenza, xa estarán promovidos as tres bolsas de vivendas máis importantes de Tafisa: unha está en construción, outra en tramitación (por parte de Solvia), e unha terceira en fase de solicitude de licenza.

Polígono do Vao

O concelleiro tamén explicou que o departamento de Urbanismo acaba de recibir a solicitude de dúas empresas e un particular radicados en Pontevedra para o desenvolvemento dunha bolsa de solo industrial ao carón do polígono do Vao que está nas últimas fases de tramitación.

É unha bolsa de terreo de 5.642 metros cadrados, cunha edificabilidade de 5.406 metros cadrados e 235 metros cadrados de estacionamento. Está situado ao carón da estrada de Vilagarcía, próximo á nave municipal.

Os promotores deste polígono o que solicitaron é o cambio da figura urbanística para desenvolver este polígono pasando da modalidade de compensación á de concertación, o que fará que a súa tramitación sexa máis áxil.

COMPARTIR