Peche do tránsito peonil da Ponte do Burgo a partir do luns

136
  • Tanto os albergues como os veciños e veciñas afectados recibirán cumprida información da empresa adxudicataria da obra.
  • É preciso adoptar esta medida para cumprir cos prazos de xustificación dos fondos FEDER e para imprimir ritmo á obra na colocación da pedra do taboleiro

Pontevedra, 6 de xullo de 2019. O Concello de Pontevedra pechará dende o luns, 8 de xullo, a Ponte do Burgo ao tránsito peonil para avanzar na obra de peonalización. Tanto os albergues da cidade como os veciños e veciñas de ambos lados da Ponte recibirán a información pertinente por parte da empresa adxudicataria da obra, E.C.Casas, sobre esta medida.

Durante este tempo, o Camiño de Santiago desviarase ao saír da rúa da Ponte cara a Ponte das Correntes e volver á Santiña.

Dado que a reforma da Ponte do Burgo é un proxecto enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”, nestes momentos faise necesario imprimir rapidez á obra para cumprir cos prazos de xustificación económica ante o Ministerio de Administracións Públicas, órgano xestor dos Fondos europeos no Estado español.

Ademais, o propio ritmo da obra obriga tamén a tomar esta decisión, porque dende a vindeira semana a empresa adxudicataria E.C. Casas, comezará a pór o lastro de pedra en toda a plataforma da ponte o que obrigará a pechala para evitar que os peóns poidan pasar polos panos recén colocados.

Paralelamente tamén se retirará toda a varanda actual para instalar a nova, polo que haberá momentos no que a ponte non dispoña de varandas laterais para axilizar os traballos, e esta situación fai que sexa moi perigoso o tránsito de peóns.

A obra entra nestes momentos, polo tanto, na instalación do novo pavimento continúo e granítico na superficie do taboleiro, en continuidade cos propostos para as cabeceiras da ponte, e acordes ás características e catalogacións ao elemento patrimonial no que se está a actuar.

Nesta fase da obra tamén se instalará a iluminación que será triple: por un lado farase unha iluminación superficial encaixada no propio pavimento da ponte formada por unha gran cantidade de puntos de luz de baixo consumo creando a sinalización do Camiño así como un atractivo visual para a súa contemplación. 

Unha segunda actuación lumínica na ponte será dar luz á base dos arcos mediante proxectores individuais que realce a traza dos arcos da ponte, a súa estrutura e forma, algo que é inexistente na actualidade. 

E a terceira actuación é a substitución da actual iluminación en altura por outra de menor intensidade e enfocada á iluminación da superficie peonil que será realizada de forma rasante e en horizontal aproveitando as bases da nova varanda ao estar integrada nesta.

A nova varanda cumprirá a normativa actual de seguridade (xa que a agora instalada non cumpre) e buscará a maior visibilidade da ponte.