Lores: “A reforma de Echegaray era moi necesaria porque hai que renovar todos os servizos subterráneos”

156
  • A obra está valorada en case 700.000 euros e terá unha duración de 6 meses.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá en compañía do concelleiro responsable da posta en marcha das melloras do contrato do Ciclo da Auga, Raimundo González o inicio das obras da rúa Echegaray, que teñen un custe de case 700.000 euros, e que están executadas con cargo ás melloras do novo contrato da auga xestionado pola empresa Viaqua.

Os traballos prolongaranse durante seis meses (aínda que pode haber un pequeno paro durante as festas da Peregrina) e comezaron na marxe esquerda da rúa da cabeceira da Ponte da Barca, traballando na zona de estacionamentos. Está previsto actuar, primeiro, nunha marxe da rúa, e a continuación na outra.

Fernández Lores explicou que “era unha obra necesaria porque hai que renovar os servizos subterráneos”. De feito, apuntou que “unha das cousas máis importantes que facemos na reforma urbana é deixar previsto e actualizados todos os servizos máis modernos debaixo da calzada: saneamento abastecemento, cable, gas…”.

Tamén apuntou que era unha rúa “mal dimensionada” xa que hai pouco espazo para os peóns, cando, realmente, trátase dunha rúa que ten moito tránsito peonil ao unir Pontevedra con Poio e a zona de Ferreirós.

Lembrou o alcalde que o proxecto foi presentado e consensuado con veciños e comerciantes que solicitaron que a obra se iniciase “canto antes”.

A obra

A actuación proxectada ten un custe de 696.064,21 euros e un prazo de execución de seis meses.

Os servizos serán totalmente novos. O saneamento cambiarase por ambos lados, polo que se instalarán 425 metros lineais de tubaxe, 28 pozos e 37 acometidas. Na auga, haberá unha substitución da rede na marxe dereita (de saída da cidade) xa que a esquerda é nova, e instalaranse 14 unidades de acometida.

Tamén se substituirán as redes de pluviais por ambos lados até completar 425 metros lineais, 23 pozos, 37 acometidas, e 26 sumidoiros.

Outra das actuacións é a substitución de toda a canalización eléctrica, tamén nunha lonxitude de 425 metros.

A reforma en superficie segue os mesmos estándares de calidade que o resto da cidade. Gáñase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas, aínda que quedará un carril de servizo a ambos lados. Haberá unha superficie de 1.804 m2 de urbanización de beirarrúas, e 1.634 m2 de estacionamentos e de vía.

O alcalde explicou que a rúa Echegaray era a única que quedaba neste zona da cidade que estaba sen mellorar. “Imos avanzando, a pesar de que se fixo un esforzo moi grande nas dúas últimas décadas, tanto no centro como no bordo da cidade, e tamén nas parroquias”, indicou Fernández Lores quen asegurou que se traballan con criterios de “mellora do espazo público con alta calidade urbana, accesibilidade universal e calmado de tráfico”, entre outros elementos.