O vindeiro luns comeza a obra de reforma do Rouco

48
  • A obra foi adxudicada á construtora E.C. Casas e ten un prazo de execución de catro meses
  • Hoxe comezan as obras de reforma da rúa Echegaray
  • A Ponte do Burgo pecha totalmente o tránsito para acometer a colocación do novo pavimento, a substitución da varanda e a instalación lumínica

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou esta mañá, ao remate da Xunta de Goberno, que a reforma da rúa do Rouco, adxudicada á empresa E.C. Casas, comezará o vindeiro luns 15 de xullo. A obra foi contratada por un importe de 167.593,16 euros e conta cun prazo de execución de catro meses.

Esta actuación foi cualificada por Gulías como “de grande importancia” debido principalmente á súa ubicación céntrica e á presenza dun centro escolar no seu trazado.  Neste sentido lembrou que “responde a unha demanda da Asociación de Nais e Pais do colexio de Barcelos” e que o obxectivo principal é o de “garantir a seguranza peonil e sobre todo a entrada e a saída do alumnado do colexio”.

O proxecto contempla a reordenación da rúa, redistrubuíndo os espazos urbanos no ámbito do centro escolar, o que implica a ampliación dos espazos destinados á mobilidade peonil. Manterase unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo. Esta beirarrúa terá un ancho de 3 metros; e no lateral esquerdo (no do colexio) a beirarrúa increméntase até os 5 metros. 

 A calzada será repavimentada e a beirarrúa crearase con lousa confinada entre bandas de granito. Procederase á eliminación das barreiras arquitectónicas e tamén se aproveitará para renovar as redes de pluviais e de sumidoiros.

O proxecto tamén contempla a colocación de novo mobiliario urbano (5 papeleiras, 7 bancos, e 10 aparcabicis), e a mellora da iluminación.

Actuacións na rúa Echegaray e na Ponte do Burgo

Na xornada de hoxe deu comezo a reforma da rúa Echegaray, cuxa duración prevista é de 6 meses. Estes traballos están incluídos dentro das melloras do novo contrato do ciclo da auga adxudicado á empresa Viaqua, que será a encargada de asumir integramente esta actuación, valorada en 696.000 euros. 

A reforma inclúe a instalación dun novo saneamento por ambos lados da rúa, a substitución de redes pluviais tamén por ambas marxes e a modificación de toda a canalización eléctrica. Contempla máis espazo peonil que na actualidade, a través da ampliación das beirarrúas, e deixando un carril de servizos por ambos lados.

Mentres, a Ponte do Burgo permanece desde hoxe pechada a todo tipo de tránsito debido ao avance nas obras de peonalización. Nesta fase da actuación procederase á colocación do novo pavimento continuo na superficie do taboleiro, á retirada da actual varanda e colocación dunha nova, e á instalación da nova iluminación que inclúe tanto elementos no pavimento como en altura.

O peche da Ponte do Burgo implica o desvío do Camiño de Santiago, desde a saída da rúa da Ponte cara a Ponte das Correntes, para volver desde alí á Santiña.

COMPARTIR