O XX Memorial Ricardo Portela homenaxea ao gaiteiro represaliado Constante Moreda

125
  • Organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, terá lugar os días 12 e 13 na praza da Ferraría
  • A XVII Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais contará cunha ducia de postos 

O Memorial Ricardo Portela, que chega nesta edición ao seu 20 aniversario, volve á praza da Ferraría o venres 12 e o sábado 13 de xullo, con pasarrúas, concertos e o xa coñecido mercado artesanal, que contará cunha ducia de postos de instrumentos tradicionais. Como vén sendo habitual nos últimos anos, o sábado antes do concerto de peche, realizarase a homenaxe á persoa elixida nesta edición, que será o gaitero represaliado Constante Moreda Vázquez, segundo anunciaron esta mañá a concelleira de Festas, Carme da Silva, e dous membros da Asociación de Gaiteros Galegos, Benito Queimaliños e Alberto Pires.

Constante Moreda, nacido na parroquia viguesa de Lavadores en 1894, foi asasinado o 10 de decembro de 1936 no Monte do Castro xunto co seu pai. “A súa última actuación tivo lugar o 18 de xullo” indicou Carme da Silva, sinalando o simbólico da data, ao tempo que sinalou que “con esta homenaxe queremos homenaxear, a través da música, a todas as persoas que foron asasinadas, torturadas e desaparecidas pola ocupación fascista”.

Na figura de Constante Moreda tamén se centrou Alberto Pires explicando que foi “un grandísimo gaitero e un gran creador que na década de 1920 gañou todos os concursos aos que se presentou e que en 1927 lle gañou ao mesmísimo Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo”. Tamén lembrou que Constante Moreda formou o coro Queixumes dos pinos e Airiños do mar de Teis e o cuarteto Airiños de Cabral, “que foi o primeiro cuarteto que na súa época destacou por tocar a dúas voces, con dúas gaitas” explicou Alberto Pires.

Nesta edición, a Mostra de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional contará cos postos de Xaneco Tubío, Oli Xiráldez, Alberto Pires, Queima, O Chirlo, Foliqueiras, Afonso Castro, Diego Langarica, Lorena Reinaldo, Luís Martínez, Xosé Tunhas, e Master Gaita. O venres o mercado estará aberto en horario de 17h a 21:30h; e o sábado de 11:30h a 14h e de 17h a 21:30h.

O programa musical comeza o venres ás 17:30h co pasarrúas pola cidade a cargo de Axio Mouro, Ghaiteiras d’Arredor, Iván Costa, Os Carunchos, e Os Gaiteiros das Rías Baixas. Na mesma xornada, ás 21h dará comezo o concerto dos Viqueiras, na praza da Ferraría. 

O sábado o primeiro pasarrúas comezará ás 11:30h  e o segundo ás 18h e participarán Cántigas e Frores, Lubicáns, Meiró, e Os Millarancos e Picuíña. O concerto da praza da Ferraría correrá a cargo de Cantares de Brión, ás 21:15h. Un cuarto de hora antes, na mesma localización, realizarase a homenaxe a Constante Moreda.

COMPARTIR