A nova ordenanza do taxi introducirá o transporte a demanda e tarifa plana aos aeroportos

163
  • Trátase de facilitar que a veciñanza de Pontevedra dispoña dun servido público para acceder aos aeroportos da contorna
  • Os taxis poderán ofrecer un servizo compartido e cada usuario pagar a súa parte do transporte

O vindeiro martes na Comisión de Mobilidade inicarase o proceso de redacción da nova ordenanza do taxi con tres obxetivos básicos. O primeiro é  axustar a nova ordenanza á normativa actual posto que a existente xa quedou obsoleta; o segundo, introducir o transporte a demanda; e o terceiro, contemplar a intermodalidade, permitindo que os taxis se poidan coordinar con centros de transporte supramunicipais, como por exemplo os aeroportos. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Transporte, Demetrio Gómez Xunqueira, que indicou que no aspecto da intermodalidade, “imos introducir a posibilidade do desprazamento en taxi aos aeroportos que están fóra de Pontevedra cunha tarifa plana”. Trátase, segundo Demetrio Gómez, de que “os veciños e veciñas de Pontevedra teñan acceso aos aeroportos da contorna cun servizo público e que non teñan que depender dun vehículo privado ou doutro tipo de transporte”.

Demetrio Gómez explicou que “estamos nunha boa oportunidade para facer isto porque o regulamento do taxi que se deriva da Lei do 2013, en concreto do Regulamento 103/2018 que nos permite algunhas cousas que non permitía o regulamento anterior, como establecer liñas de taxi practicamente regulares, e que o taxi deixe de ser necesariamente un vehículo de transporte individual e poida ser contratado de xeito compartido, pagando cada usuario a súa parte do transporte”.

A redacción da nova ordenanza do taxi iníciase despois de pechar o proceso de participación cidadá do “procedimento de elaboración da ordenanza municipal reguladora do taxi do Concello de Pontevedra” que se iniciara o pasado 20 de marzo e durante o cal se recibiron dúas suxestións de dúas persoas particulares. A primeira delas procede dun taxista que solicita a eliminación do taxímetro e que se utilicen aplicacións que existen a día de hoxe para calcular tempos e percorridos. Unha suxestión da que Gómez Xunqueira asegurou que “é unha opción que queda sobre a mesa, en todo caso, nós preferimos quedarnos coa parte xeral, que é a de adaptar as novas tecnoloxías ao servido de taxis”.

A segunda das suxestións é referida á necesidade de introducir a accesibilidade universal, para que as persoas con problemas visuais ou con mobilidade reducida poidan acceder ao servizo. Unha suxestión que o concelleiro asegurou que será recollida, ao tempo que explicou que o Concello está en comunicación tanto coa asociación de taxis a nivel galego como a nivel provincial, para coñecer e ter en conta as súas demandas nesta ordenanza.

Prioridade absoluta

Demetrio Gómez lembrou que “o transporte a demanda é unha prioridade absoluta para o Goberno municipal durante este mandato” e afirmou que “se trata dun proceso moi complexo porque non existen apenas referencias nin no Estado nin noutros lugares do mundo, pero nós imos ir dando pasos e tirar dalgunhas ferramentas que temos á man, como esta nova ordenanza do taxi”. 

Por último, tamén lembrou que o transporte a demanda nace da necesidade de dar unha solución de transporte público á poboación da periferia da cidade e das parroquias. Neste sentido, explicou que o transporte de autobús tradicional está deseñado para un tipo de poboación concentrada, polo que para unha estrutura de poboación diseminada, como é o caso das parroquias, a solución pasa por utilizar vehículos máis pequenos e cun servizo que non sexa tan regular, polo que necesariamente ten que ser a demanda e adaptarse ás necesidades reais dos usuarios e usuarias destas zonas. Para este tipo de servizo, indicou que se presta especialmente o taxi, que podería ser compartido e mesmo contar con algún tipo de subvención municipal, ao igual que calquera outro tipo de transporte urbano no resto das cidades.